A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocou o programa Educación Responsable, para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade no curso 2021-2022. A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Botín, ten tamén entre os seus obxectivos o de promover a comunicación e mellorar a convivencia nos centros docentes a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

Os centros que se unan ao programa farano a través da participación na convocatoria dos Proxectos de Formación en Centros e a implementación na aula mediante da liña Emociona dos contratos-programa. Educación Responsable desenvolverase nos centros educativos ao longo de tres cursos. O obxectivo do primeiro curso é que o Equipo de Educación Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades do programa. Na segunda fase, o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo. Con este obxectivo, os encargados de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa. A fase de consolidación, no curso 2023-2024, ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado.