Trinta e catro palabras foron dabondo para que Álex Gallego Couñago (2010), alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, se fixese co primeiro premio da categoría Infantil do IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal. A súa historia, titulada Saíndo do túnel, foi a mellor valorada entre os máis de 300 contos presentados por nenos e nenas de ata 11 anos. Na categoría xuvenil, a gañadora do primeiro premio é a ourensá Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003), estudante do IES Eduardo Blanco Amor, cuxo relato de 200 palabras, Bolboreta, competiu con outros 477.

O xurado de Infantil e Xuvenil, composto pola escritora e membro correspondente da RAG Helena Villar Janeiro, polo tradutor e tamén académico correspondente Xavier Senín, a secretaria e a membro do equipo de PuntoGal Edita de Lorenzo e Cristina Ríos, e mais o xornalista Lois Alcayde, decidiron conceder os segundos premios a Niara Cabreirizo Collazo (Moaña, 2013), alumna de 2º de Primaria do CEIP de Seara, participante na modalidade infantil cun conto de 33 palabras titulado Unha mala noite; e Nayara Alonso Barredo (Vigo, 2004), estudante de 1º de Bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro, galardoada por Ela, de 181 palabras.

O terceiro premio de Infantil é para Carmen Mendaña Vázquez (Santiago, 2011), estudante do CEIP das Fontiñas, polo relato Papá, de 185 palabras; e na categoría xuvenil recaeu sobre A choiva, unha historia de 130 palabras escrita por Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), alumna tamén do IES Álvaro Cunqueiro.

O xurado declarou ademais dous finalistas por cada categoría. Na modalidade Infantil, A batalla perdida de Andrés de Miguel Caballero (Vigo, 2010), estudante do Colexio Montecastelo; e Collo a túa man e saímos correndo de Martiño Yáñez Rodríguez (Brión, 2010), alumno de 5º de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Na categoría xuvenil, os relatos finalistas son No sorriso do avó de Anxo Vázquez Novo, estudante de Bacharelato no colexio Salesianos (A Coruña, 2003); e Mente asoballada de Laura Freire (Aranga, 2004), alumna de Bacharelato no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.