Os Premios Follas Novas entregáronse onte en Santiago nunha gala presencial que rendeu tributo ao desaparecido editor Xulio Amigo, sobre o que recaeu un dos tres premios honoríficos, xunto ao escritor angolano José Luandino Vieira e o libreiro coruñés Manuel Arenas. O novo presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domíguez, sinalou que o mundo do libro “é un ecosistema complexo” e que “un dos seus principais valores é a diversidade”. Nese senso, destacou que Galicia ten un tecido libreiro “de calidade, grandes librarías e excelentes profesionais”.

Os gañadores das 15 categorías déronse a coñecer nunha cerimonia retransmitida por Youtube. Na categoría de narrativa foi premiado Suso de Toro por Un señor elegante (Edicións Xerais). En ensaio, trunfou Irmandiñas (Laiovento) de Aurora Marco. E na categoría de divulgación, Unha mente que voa (Xerais) de Xurxo Mariño, pola relevancia da divulgación da ciencia en galego.

O resto de premios foron para Mar de mazá de Elvira Ribeiro —infantil—, O mal querer de Natalia Carou —xuvenil—, Contrahistorias de Galicia de Rita Gutiérrez —ilustrado—, O derradeiro libro de Emma Olsen de Pablo Prado —novela gráfica—, A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto e Bea Gregores —iniciativa bibliográfica—, A nosa negra pola tradución de María Reimóndez, A Desvértebra de Ana Romaní —poesía— Só un home bo de Raúl Dans —teatro—, Nós Outras de Marica Campo e Menchu Lamas —edición—, o Salón do Libro Infantil de Pontevedra, o proxecto Galicia encantada e a xornalista Montse Dopico.