Centos de persoas —uns 1.600 inscritos, segundo os organizadores— abarrotaron a Praza do Obradoiro de Santiago onte, no acto convocado pola plataforma Queremos Galego polo Día das Letras Galegas, para reivindicar a “normalización” e “recoñecemento pleno” do idioma propio e para protestar contra as políticas lingüísticas da Xunta. Múltiples colectivos sociais, sindicais e políticos, entre eles os dous partidos da oposición —BNG e PSdeG— secundaron esta protesta desde mediodía no centro histórico compostelán, onde soaron con forza consignas coma En Galicia, en galego!. Entre os asistentes estiveron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ademais doutros cargos de formacións políticas. Pontón esixiu á Xunta que acabe coas súas “políticas lingüicidas” para “desconfinar” o idioma galego. Pola súa banda, Caballero demandou “políticas de discriminación positiva” para a lingua e a cultura galegas.

Unha das pancartas dos asistentes. | // X. ÁLVAREZ

Esta mobilización, xa inherente ao 17 de maio —o ano pasado non se celebrou pola pandemia—, configurouse como a cara oposta aos actos institucionais do Día das Letras Galegas organizados pola Real Academia Galega (RAG) e celebrados este ano en Vigo por ser a cidade onde desenvolveu gran parte da súa vida Xela Arias, poeta á que se adica a festividade en 2021.

Con carácter previo á protesta, o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, compareceu ante os medios para explicar a necesidade de “tomar conciencia” sobre a situación do idioma galego e que isto “se torne en práctica reparadora” co seu “recoñecemento pleno e íntegro”. “Iso é o que aínda non fai o Goberno autonómico. Levamos 40 anos de autonomía que aínda non serviron para repoñer, rehabilitar e normalizar completamente a lingua galega”, denunciou.

Tras lembrar as reiteradas consideracións do Consello de Europa e Nacións Unidas sobre a situación do galego, Maceira lamentou que sexa “unha lingua só aparentemente oficial”, porque “non se pode empregar en todo e para todo”.

“Non é unha lingua oficial aquela que está excluída da atención sanitaria en plena pandemia, aquela que está excluída practicamente en todos os contidos audiovisuais. Non é unha lingua oficial a que non se pode empregar ou o emprego é arbitrario en función do que decida o funcionariado na administración pública”, resaltou.

Por todo iso, Maceira reivindicou que “é hora de tomar as rendas” do destino do idioma propio “e saber que todos os pobos que se desenvolveron economicamente, socialmente e culturalmente contaron coa súa lingua”.

Este acto de Queremos Galego, de marcado carácter festivo e reivindicativo, contou coa música do artista Xiao Berlai e coa actriz Isabel Risco como presentadora, quen lanzou proclamas a favor do emprego da lingua que recibiron o aplauso de todos os asistentes: “Queremos galego, xa!”.

“Hai que falar galego, é a única maneira de defendelo! O galego vale para todo e, ademais, combina con todo, que se entere Inditex!”, gritou a intérprete na súa intervención fronte os asistentes.