O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o director da Fundación Alcohol y Sociedad, Bosco Torremocha, asinaron un convenio de colaboración para a prevención do consumo de alcohol entre o alumnado de secundaria.

O plan conxunto consistirá no desenvolvemento nos centros da oferta educativa Menores nin unha Gota, composta por tres subprogramas, cada un deles dirixido a un público concreto e cunha metodoloxía específica.

O primeiro destes subprogramas, chamado tamén Menores nin unha Gota, baséase en formacións presenciais ou en liña impartidas por monitores expertos en ciencias sociais, que ofrecen aos rapaces información científica e rigorosa sobre o consumo de alcohol e as consecuencias negativas de iniciarse no seu consumo sendo menor de idade. As actividades están dirixidas e adaptadas a alumnos de ESO, Bacharelato e FP, de entre 12 e 18 anos. 

O segundo deles, As Caras do Alcohol, está dirixido a alumnos de entre 11 e 16 anos (1º a 4º de ESO), as súas familias e profesorado e céntrase nos estudantes que en pasados cursos desenvolveron o primeiro subprograma. A través do web da iniciativa os profesores acceden á información e aos exercicios, divididos por bloques temáticos, así como a unha sección onde obter respostas e asistencia diante de dúbidas.

O terceiro dos subprogramas está centrado no traballo educativo coas familias, ofrecéndolles ferramentas para facilitar o tratamento de situacións cotiás relacionadas coa educación dos seus fillos, así como unha información rigorosa sobre o alcohol e a adolescencia, facilitando a comunicación cos fillos.

O obxectivo deste conxunto de accións é concienciar tanto aos adolescentes como ás súas familias sobre as consecuencias negativas que ten o alcohol nos menores de idade, evitando o inicio do seu consumo entre os rapaces, unha tarefa na que é fundamental o labor das familias.

O programa Menores nin unha Gota naceu no ano 2000 e tense desenvolvido en comunidades como a de Madrid, Andalucía, Cataluña, Cantabria e Extremadura, onde se ten formado a máis de dous millóns e medio de menores. 

A iniciativa é auditada anualmente polos centros participantes e polo Instituto Deusto de Drogodependencias, que conclúe que sete de cada dez menores formados con este programa melloran a súa relación co alcohol retrasando a súa idade de inicio ao consumo ou deixando de beber se xa se iniciaron.