O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira durará oito días na súa edición de 2022. Será a edición de maior duración nos 43 anos de vida deste certame, unha consolidada cita musical de cada verán en Galicia que adoita ter unha duración de catro días e que, tras a cancelación dos festivais de 2020 e 2021, anuncia agora unha entrega de oito días de concertos para o vindeiro ano 2022.

Os organizadores do Festival Internacional do Mundo Celta destacan que o de Ortigueira xa ven sendo un dos festivais gratuítos máis longos do mundo. Coa previsión de oito días de concertos para 2022, os promotores do certamen pretenden convertelo nunha edición inesquecible. As datas seleccionadas son desde o domingo 10 ata o domingo 17 de xullo de 2022, incluídos. En total, 8 días de programación. O cartel aínda non se fixo público pero no avance da programación xa se anuncian grupos de referencia do panorama Celta, pero cunha especial atención, que se reforzará en 2022, aos grupos galegos e novos valores da música tradicional galega. Así, a edición do próximo ano 2022 contará con nove actuacións moi especiais: os gañadores das edicións de 2020, 2021 e 2022- Ademáis celebrarase o Concurso Runas para novos valores da música Celta, que se unirán aos dous gañadores da última edición presencial que se celebrou en 2019, os xaponeses Yuki Kojima Band e os galegos Dequenvessendo.

"Despois de toda a espera, a organización redobrou esforzos co obxectivo de que en 2022 todos os que botaron de menos o noso festival poidan volver vibrar coa mellor música Celta, da man de grupos traídos desde diferentes partes do mundo", destacan os responsables do certame na web do festival. As actividades incluirán música e feira con produtos de gastronomía e artesanía. "Esta edición contará con aínda máis concertos, pasacalles, talleres e actividades do que estamos afeitos, os cales estarán repartidos durante o oito días de duración, propondo unha das ofertas culturais máis atractivas de toda Europa", destacan.

Durante os próximos meses iranse confirmando as identidades dos artistas que formarán o cartel da programación do verán de 2022, así como dos concertos previos ás datas sinaladas da segunda semana de xullo, dos que algúns deles xa formaban parte da programación prevista para este 2021.