Arredor de 800 docentes participaron nunha xornada formativa sobre educación dixital a través dun encontro virtual que, ademais de para afondar na mellora de coñecementos e competencias neste ámbito, serviu de punto de encontro para o intercambio de experiencias e boas prácticas en materia tecnoloxía dixital. Así mesmo, o encontro tivo como obxectivo acompañar ao profesorado na incorporación destas tecnoloxías ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e para debater sobre propostas metodolóxicas innovadoras neste ámbito. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, referiuse á formación do profesorado como “unha carreira de fondo que esixe dunha adaptación continua aos novos tempos e ás novas necesidades”. O Goberno galego deseña cada curso, co Plan Anual de Formación do Profesorado, as estratexias e as ferramentas formativas para o profesorado galego, sempre buscando a máxima correlación entre as accións estratéxicas da Consellería e as liñas de formación ofertadas. Nos próximos anos vaise facer un especial fincapé na formación tecnolóxica, necesaria para á dixitalización do sistema educativo.