Impulsor da cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de Formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego de Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Isaac Díaz Pardo, artista mutifacético, creador e creativo, intelectual incansable é, a un século do seu nacemento e case dez anos da súa desaparición, un símbolo na cultura galega que trascende á súa obra e traxectoria.

A exposición As miradas de Isaac rende homenaxe, con motivo da efeméride, ao inxente legado do artista e aos seus moitos proxectos. A mostra, que reuniu a preto de 26.000 visitantes dende a súa inauguración na Cidade da Cultura o pasado novembro, recala agora na cidade. Faino na sede de Afundación, onde foi inaugurada onte polo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, nun acto ao que tamén asistiron os comisarios da mostra e fillos de Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro.

A mostra, que poderá visitarse na súa nova sede ata o día 28 de agosto, componse de 500 pezas, entre as que se contan murais, obras de arte, cerámicas, carteis, publicacións e mesmo obxectos persoais, repartidos nunha estrutura dividida en dez seccións. O percorrido explora, en esencia, o periplo vital e profesional do intelectual: a importancia do seu pai, Camilo Díaz Baliño, asasinado polo bando nacional na Guerra Civil, na vida e na obra de Díaz Pardo é un elemento moi presente na mostra, así como a súa faceta como pintor, o seu contacto co exilio e o seu compromiso coa memoria histórica. Porque Díaz Pardo foi, alén de artista e intelectual, un militante comprometido.

‘A barca de Caronte’, unha das pinturas presentes na mostra. | // XOAN ÁLVAREZ

O universo Sargadelos, insignia da súa obra, ocupa un espazo fundamental da exposición, así como outras iniciativas como o Laboratorio de Formas, o proxecto que impulsou dende o exilio arxentino xunto a outra figura imprescindible da cultura galega, Luís Seoane, co obxectivo de salvagardar a memoria e a identidade galega nas súas horas máis baixas.

As máquinas, porcelanas, mobles e manifestacións editoriais e artísticas que o creador aportou nos seus moitos anos de actividade incansable atopan o seu lugar na mostra, a primeira inaugurada pola Xunta dende o seu falecemento en 2012. A exposición incorpora, do mesmo xeito, un elemento singular como fío condutor: unha videoinstalación elaborada pola neta do propio Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista Cecilia Díaz Betz en colaboración co realizador Jordi Cussó. A peza propón un “encontro” co intelectual a partir de imaxes de arquivo nas que Díaz Pardo fala da súa vida, obra e pensamento, de xeito que o propio artista ofrece unha guía para coñecer mellor o seu inxente legado.

Díaz Pardo é un símbolo de quen tivemos o privilexio de aprender na nosa entidade en mostras e publicacións que nos enriqueceron a cada paso. Para nós é un privilexio de acollermos nas nosas sedes As miradas de Isaac e contribuírmos, coa nosa participación neste proxecto, á difusión do coñecemento dunha figura esencial para o noso patrimonio cultural”, afirmou o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, durante a presentación da mostra.

A exposición poderá visitarse na cidade con entrada de balde, de luns a sábado (festivos incluídos) de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Tras a súa clausura, a colaboración entre a Xunta e a Afundación permitirá que o programa de itinerancias de As miradas de Isaac continúe en Vigo despois do verán.