O Goberno galego levará a cabo arredor de medio millar de actuacións en colexios e institutos públicos de toda Galicia nos vindeiros tres anos, seguindo as adaptacións poscovid no eido educativo establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Segundo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, este documento configúrase como a folla de ruta de todas as intervencións que se vaian a facer a partir de agora nos centros educativos galegos e que, segundo subliñou, “recolle todas as ensinanzas que nos deixou esta crise sanitaria, para apostarmos por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino, máis sustentables e máis confortables para profesorado e alumnado”.

Un plan que, en palabras de Román Rodríguez, “situará a Galicia, unha vez máis, como pioneira á hora de apostar por un modelo que, botando man das ensinanzas desta pandemia, nos sirva para avanzar cara unha arquitectura educativa ao servizo do labor docente, traendo tamén a un primeiro plano o confort do alumnado e persoal dos centros”. Este Plan “é máis que un mero plan de obras, senón que é representa un cambio de paradigma para o futuro educativo de Galicia”, abondou.

Así pois, ao abeiro deste Plan —dotado con 191€millóns de euros— está previsto actuar en catro de cada dez dos arredor de 1.100 centros escolares de titularidade pública que conforman o sistema educativo galego. Xa están en licitación un total de 45 obras por un importe que supera os 16,7 millóns de euros.

As actuacións contempladas inclúen tanto centros de nova construción como ampliacións, rehabilitacións integrais, obras en fachadas e cubertas e intervención varias. Por exemplo, está previsto realizar arredor de 90 intervencións en patios, 120 en pistas multideporte ou 150 actuacións para a dotación de espazos maker nos centros.

O Plan establece unha clara aposta por espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital, que sexan xeradores de igualdade e de inclusión. outro dos puntos salientables do Plan é a aposta pola inclusión e a igualdade desde unha perspectiva de xénero en todos os espazos educativos nos centros.

Tamén fai fincapé na necesidade de que os centros estean adaptados á contorna na que se inxiren, de xeito que a comunidade local os perciba como algo propio e ben integrado. Ademais, todas as rehabilitacións que se executen estarán orientadas a reducir a demanda enerxética de calefacción e reducir os consumos.