As Letras Galegas viaxarán o ano que vén á comarca de Valdeorras, e máis aló do Atlántico, a terras mexicanas, a través das vivencias, os versos e o amplísimo legado cultural de Florencio Delgado Gurriarán, elixido onte pola Real Academia Galega (RAG) como o autor que será homenaxeado o vindeiro 17 de maio. Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987) impúxose por ampla maioría á proposta conxunta do coruñés Ánxel Casal e Federico García Lorca, e a Fiz Vergara. A súa candidatura partira de tres académicos, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Rosario Álvarez Blanco —aos que posteriormente se adheriu Salvador García Bolaño—, pero onte logrou o apoio de 14, fronte aos catro que respaldaron a cada un dos seus adversarios. Só un membro do Pleno da institución votou en branco.

A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi Delgado Gurriarán, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura, a institución tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio autor ourensano e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que “mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea”.

“O exilio de Luis Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste a Academia xa o ten premiado, eu diría que debidamente. Pero había un anaco da diáspora galega, o exilio mexicano, que non se atendera hasta hoxe. Homenaxear a Delgado Gurriarán é render tributo a nomes como o do cineasta Carlos Velo; o escritor Marcial Fernández, autor da primeira biografía sobre Castelao; o musicólogo e tamén autor Bal y Gay; ou mesmo a Ramón Cabanillas, fillo o gran poeta da raza. Estou seguro de que o ano que vén sairán traballos moi interesantes sobre estas figuras, que van ser coprotagonistas das Letras Galegas dalgún xeito, á beira de Florencio Delgado Gurriarán”, reivindicou o profesor Alonso Montero, quen recoñeceu que o homenaxeado no vindeiro 17 de maio “é un poeta que algunhas minorías en Galicia coñecen”, pero a partir do próximo ano, insistiu, “vaise coñecer outro Delgado Gurriarán”.

“O autor de poemas sociolingüísticos, ou o autor cun gran talento satírico para ridiculizar desde a figura de Franco, ata a de aqueles que queren realizarse nese híbrido lingüístico que desde hai moito tempo en Galicia chamamos castrapo. Todo isto, e moito máis, hai na figura de Florencio Delgado Gurriarán”, subliñou o académico da RAG. “Para moita xente, vai ser unha descuberta, en certo modo un agasallo que lle facemos á erudición galega achegándolle os datos, a biografía, o entusiasmo e o compromiso dun home que loitou na Guerra Civil coa espada e coa pluma, en favor da causa da República e da causa de Galicia”, engadiu.

Traxectoria

Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros —da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto—, a audición radiofónica Hora de Galicia, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de varias publicacións de carácter político e cultural.

O autor chegou a ese país tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé ou Serafín Ferro.

Como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario, Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación da estética da poesía galega. Xa no exilio, axiña se implicou na revitalización cultural nun tempo en que a cultura galega da terra ficaba muda no seu propio idioma, mentres México e Buenos Aires se convertían nos grandes centros de actividade cultural e política do galeguismo. Páxinas memorables daqueles anos son a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual.

Vieiros (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de Saudade. Verba galega das Américas (1942-1953), da que o autor ourensano tamén foi parte.