No porto de Rianxo lémbrase de xeito especial a década dos anos 40 do pasado século, porque houbo uns anos de fartura de xouba como nunca houbera. A memoria daquel tempo quedou rexistrada na canción Pájaro Pinto, que era o nome popular dunha taberna mariñeira. Este tema musical será o fío conductor da emisión de hoxe do programa O son da ribeira (TVG, 10.30 horas), unha entrega na que o equipo dirixido por X. H. Rivadulla Corcón ofrecerá aos espectadores a oportunidade de viaxar no tempo a través da música.

Pájaro Pinto conta a historia dunha época concreta nun porto, os anos corenta en Rianxo, e converteuse nun himno espontáneo e popular, exemplo de música identitaria e popular á que o programa pretende homenaxear. Así, o grupo Pousos da area de Marín interpretará o tema, que transcendeu os limites da vila de Rianxo para converterse nunha canción destacada dentro do repertorio da música mariñeira de toda Galicia.

Rivadulla Corcón falará con Alejandra Conde da Asociación Fogo Fatuo de Rianxo, que investiga na historia de Rianxo e contará a historia de cómo naceu a canción Pájaro Pinto. Rianxo é un territorio especialmente creativo. Naceu en Rianxo Paio Gomez Chariño, poeta e navegante. O artista e escritor Daniel Rodríguez Castelao. O poeta e tamén mariño Manuel Antonio. O escritor Rafael Dieste.

Fala de Rianxo un himno oficioso de Galicia, a canción A Rianxeira composta por Xesús Freiro e Anxo Romero. E conta Rianxo con moitos creadores anónimos como os que compuxeron Pájaro Pinto.

Manuel Cespón, que nos anos corenta era un neno, será outro dos protagonistas do programa que se emite esta mañá. Coñeceu a taberna Pájaro Pinto e relata como dun xeito colectivo foi creándose a canción.