“Calquera momento é bo para educar. Hay que ter presente esa idea de aproveitar cada momento como oportunidade de aprendizaxe, igual que na crianza. Por iso, os conflitos no patio hai que darlles solución. O que pasa no patio é importante, porque se non se soluciona aí, pasa á aula; é o mesmo conflito”, expresa Judit Santos, psicóloga e socia fundadora de Miudiño S. Coop. Galega.

O seu obradoiro, un dos oito simultáneos impartidos no día de onte, centrouse nun tema moi en auxe nos últimos tempos: “Patios vivos: naturalización e xogo libre nos patios escolares”.

Son moitos os centros educativos que xa iniciaron o proceso de transformación dos patios escolares, con novos usos: outro xeito de entender os espazos. Segundo Santos, é importante preparar os espazos “pero non moito, porque se o preparo moito vai en detrimento do xogo libre, espontáneo e voluntario”. “Por exemplo, podemos facilitar algún elemento que poida inspirar para xogar pero non poñer unha cociña completa, que queda moi ben na foto de Instagram pero é peor”, comentou a psicóloga especialista en transformación de espazos, neste caso para o ámbito educativo.

Por iso destacou a importancia de pensar os patios para o xogo libre. “O xogo libre é fundamental. Moitas veces teñen moitas actividades extraescolares e non queda tempo para o xogo libre. É importante porque no xogo libre aparece o aburrimento e o aburrimento é o pai da creatividade. É bo que se aburran. Nós non somos monitores de tempo libre dos rapaces. É bo que chegue o aburrimento, a frustración...”, conta a experta.

“As pantallas non son xogo libre. Ah, ollo! Porque os expertos din que entre 0 e 2 anos non pode haber ningún contacto”,apuntou Judit, que explicou os procesos de xogo libre, aprendizaxe e socialización nos patios escolares vivos.