“Sabedes que os océanos contribúen a mitigar o cambio climático?”. Os e as asistentes ao obradoiro de María Lorenzo, profesora na Universidade de Vigo (UVigo) foron tecendo eles mesmos, nun xogo de preguntas e respostas, o mapa de reflexións sobre a importancia dos océanos. Trátase dun tema fundamental para o coidado do medio ambiente e do planeta, que consta na axenda 2030, de aí a importancia de incorporar esta temática ás aulas.

Os océanos absorben o 50% do dióxido de carbono que se emite á atmosfera, por iso é tan importante o seu coidado nos próximos anos. E neste panorama, son moi importantes as actividades das mulleres do mar: “redeiras, marisqueo, fábricas de conservas...”. “As mulleres que traballan no mar non só é un medio económico para elas, que tamén; cada vez que se repara unha rede esa rede non acaba no mar. Todo iso é importante entendelo e hai que facer visibles os oficios das mulleres no mar, porque se non explicamos o seu traballo están invisibilizadas”, comentou Lorenzo. E os oficios femininos son clave para o coidado do medio.

A pegada de carbono foi outro dos temas clave no obradoiro de María Lorenzo. É importante entender canto contaminamos, por dicilo dalgún xeito. “A pegada de carbono é a pegada que cada un de nós deixa no planeta, coas emisións”, apuntou a profesora. Por iso pensar no noso día a día en accións que supoñan un problema para o medio ambiente é importante. De feito no obradoiro falaron dos medios de transporte, coche, avión... tamén das carnes, ovos.. pola actividade inicial, o consumo que supón. Todo iso para telo en conta porque hai moitos espazos no noso día a día nos que se pode mellorar o coidado, segundo as reflexións dos asistentes.

Tamén repasaron no obradoiro exemplos de episodios extremos, como inundacións.

Estabilidade climática

Segundo Lorenzo, “non se pode contribuír a conservar e protexer aquilo que non se coñece”. “Os océanos cobren máis do 70% da superficie do noso planeta e conteñen o 90% da biosfera, producen a metade do osíxeno que os seres vivos necesitamos para vivir e son fundamentais para a estabilidade climática. Se ademais temos en conta que Galicia ten case 1.500 km de costa, entenderemos por que é importante que as nenas e os nenos coñezan o mar e sexan conscientes da necesidade da súa conservación. Neste camiño é importante que se valoren as achegas das mulleres á súa sustentabilidade a través dos seus oficios milenarios”, segundo a profesora.

Comentou tamén Lorenzo que para traballar esta temática é preciso facelo a través de metodoloxías activas, mellor que con procesos de ensino-aprendizaxe tradicionais. “É importante fomentar metodoloxías que promovan a colaboración, o pensamento crítico e sistémico, a igualdade de xénero e a actividade”, expresou a profesora. Para iso, no taller, traballaron cunha maleta: “A maleta dos océanos 2030”, con varias propostas didácticas, como “Planeta azul”, “Océanos en perigo”, “Mulleres redeiras, de salga e da conserva”, “O marsiqueo a pé”, “Investigadoras mariñas” e “Educación para a sustentabilidade”.

O profesorado pode levar á aula todas ou algunhas das actividades, tamén os exercicios practicados no obradoiro.O material amosa a historia dos oficios femininos do mar mediante documentos, entrevistas e fotografías.