A Xunta e o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA) acordaron establecer unha canle de colaboración para a mellora da atención educativa ao alumnado con trastornos da comunicación ou deglución.O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade, Ana Isabel Vázquez, asinaron un convenio para a posta en marcha de actividades específicas nos centros escolares dirixidas a este fin.

A Consellería comprométese a promover a participación do Colexio de Logopedas nas accións relativas á formación do profesorado. Así mesmo, ambas as entidades traballarán en conxunto na sensibilización e difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con trastorno de comunicación ou deglución.

O persoal do Colexio Profesional poderá prestar o seu apoio nos centros de ensino, en cuestións como o asesoramento na atención educativa ao alumnado con esta problemática, a orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa nestes escolares ou a información e formación.