A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte no Pazo de Fonseca en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia no que se homenaxeou a Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895–Santiago, 1984), pioneira da xenética médica en España, como Científica Galega do ano 2021.

No acto participou a presidenta do Consejo de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da figura homenaxeada este ano pola RAGC. Ademais, contou coas intervencións do presidente da Academia, Juan Lema; do reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; e da sobriña neta da homenaxeada, Constanza Sánchez Ferrari, que leu unhas palabras en nome de seu pai, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega —sobriño de Jimena—, que non puido asistir ao evento. Tamén se contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos Cabrer; o alcalde de Santiago, Xosé A. Bugallo; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; así como outros académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas e culturais galegas.

“Muller excepcional, un modelo a imitar, como científica pero tamén como persoa, teimuda, intelixente, valorosa, visionaria e xenerosa”, así describiu o presidente da Academia a Jimena, protagonista da publicación Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo presentada na mañá de onte no Consello da Cultura Galega. O libro conta con limiares de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e do presidente da RAGC (entidades editoras), e con artigos de María Teresa Fernández de la Vega; da doutora en Xenética da Universidad Complutense de Madrid, Milagros Candela; do catedrático de Medicina Legal da USC e académico da RAGC, Ángel Carracedo; da catedrática de Hidroloxía da UDC, Rosa Meijide; e da secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.

A exaltación da súa figura continuou coa proxección do vídeo Jimena, científica e divulgadora, unha produción na que se abordan cuestións persoais e familiares de Jimena e por suporto o aspecto científico da súa traxectoria, así como a difusión da súa vida e obra na Revista A Ciencia en Galicia co fin de proxectala ao conxunto da sociedade. “Queremos propoñer a Jimena como modelo de persoa, de muller, de científica que ao longo de toda a súa vida concibiu a busca do coñecemento como o seu camiño de crecemento persoal, e a ciencia como palanca de progreso social, na procura dun mundo mellor”, manifestou Juan Lema.

O presidente da Academia destacou o labor dos científicos sen dúbida vocacional, que realizan un traballo dedicado, sostido no tempo e sen ter a certeza de que o seu esforzo sexa válido para resolver problemas específicos, para o que destacou que compre o apoio da sociedade. “O motor da súa actividade é a procura do coñecemento. A arela por descubrir o descoñecido, a curiosidade insaciable, pretendendo contribuír, nun traballo colectivo e solidario, ao avance da humanidade”, sinalou.

A Academia aproveitou tamén o acto para facer público un informe comparado sobre a evolución da produción científica galega no marco das comunidades autónomas nos últimos dez anos. No documento obsérvase con nitidez o proceso sistemático de concentración da produción científica por un número cada vez máis reducido de entidades, proceso no que, segundo indicou Lema, “Galicia risca o perigo inmediato de que ningunha das súas universidades, que xeran máis do 90% da produción científica galega, se manteña no selecto cadro das universidades máis dinámicas”.

Entrega das Medallas de Investigación de Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou onte as cinco Medallas de Investigación de Galicia, na súa terceira edición. Os profesionais distinguidos este ano foron Carmen Álvarez Lorenzo, medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, experta no estudio de sistemas que permiten unha mellor e máis eficaz administración de fármacos; Carlos Hervés Beloso, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, referente no campo da Teoría Económica e mestre de economistas; Luis Castedo Ribas, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, destacado especialista no campo de enxeñaría de comunicación sen fíos; Manuel Eulogio Ladra González, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e María Antonia Señarís Rodríguez, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía, cunha dilatada actividade investigadora.