A saúde mental é un dereito, pero os problemas na súa atención agraváronse en Galicia coa pandemia de COVID. As dificultades para acceder aos recursos especializados foron en aumento, e son aínda máis acusadas se cabe no medio rural, onde a dispersión xeográfica, a falta de servizos, o illamento e o estigma provocan que moitas persoas con enfermidades dese tipo acaben “desatendidas”, segundo denuncia a Federación de Asociacións de Familias e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes) en Galicia, co gallo da conmemoración, hoxe, do Día mundial da saúde mental. Unha efeméride que este ano se centra, precisamente, nas desigualdades no acceso aos coidados que garanten ese dereito.

Lembran, desde Feafes Galicia, que seis de cada dez concellos galegos teñen menos de 10.000 veciños, e 119 non chegan aos 2.000. “Isto sitúanos como unha comunidade cunha gran dispersión xeográfica e un importante illamento poboacional, que dificultan o acceso a certos recursos especializados por parte de moitas persoas”, advirten desde a organización, e especifican que, no caso da saúde mental, a poboación que vive no rural ten menos posibilidades de recibir axuda ou acudir a servizos especializados, xa sexan de carácter sanitario ou social, debido á escaseza ou inexistencia dos mesmos nas súas contornas. “Existe un problema de acceso e transporte, que ás veces esixe costearse desprazamentos privados que non están ao alcance de todo o mundo”, sinalan.

Para abordar esta situación, Feafes Galicia conta cun programa de acompañamento comunitario e atención no rural, financiado polas consellerías de Política Social e Sanidade, que pretende achegar servizos de atención á saúde mental a aquelas zonas con especiais dificultades de acceso. Búscase, deste xeito, “evitar o illamento persoal e social das persoas con problemas de saúde mental, fomentar a súa inclusión e participación na sociedade e previr situacións de dependencia”. Para conseguilo, unha serie de equipos profesionais desprázanse aos domicilios e espazos de convivencia das persoas con problemas de saúde mental que viven no rural, “permitindo así que os apoios se ofrezan na contorna habitual destas persoas”. Realízase, ademais, un acompañamento social nos casos nos que é preciso, así como accións de promoción da saúde mental comunitaria.

Arredor de 130 persoas de toda Galicia benefícianse do programa, grazas ao labor que desenvolven cinco asociacións: Andaina, que traballa nos concellos coruñeses de Ordes e Oroso; Fonte da Virxe, na contorna rural de Santiago; Alume, na montaña de Lugo; A Mariña, na comarca lucense do mesmo nome; e Avelaíña, que ten o seu radio de acción nas áreas de Ponteareas e A Cañiza, en Pontevedra.

No caso de Alume, o proxecto leva en funcionamento oito anos, segundo explica a súa directora, a psicóloga clínica Ana Regueira, quen sinala que o obxectivo desa entidade é “atender a todas as persoas con problemas de saúde mental que o necesitan”, e “non todos os que o necesitan” acoden aos seus centros. “Hai persoas con problemas graves de saúde mental ingresadas no cárcere, sen fogar e que durmen na rúa, ou que residen en zonas illadas xeográficamente e non contan cunha rede de apoio, que teñen dificultades para acceder aos recursos do sistema público. Para todos eles fomos incorporando, gradualmente, programas como Achega”, refire Regueira, quen especifica que esa iniciativa (financiada tamén, neste caso, pola Deputación de Lugo) conta, na actualidade, con trece usuarios de forma estable, en concellos como Láncara, As Nogais, Cervantes e Ribeira de Piquín, así como na zona de Guntín y e a serra de Meira.

“Achegar calor humana de seu xa é rehabilitador”

Ana Regueira - Psicóloga clínica e directora de Alume

“O medio rural depende moitísimo do transporte privado, porque o público é moi inexistente, mais aínda desde que se reduciron horarios e liñas. Por iso, unha persoa que non teña carné de conducir, non estea en condicións de facelo ou non dispoña de alguén que a poida levar e traer, terá grandes dificultades para levar a cabo calquera cousa, sobre todo se non conta coa saúde mental imprescindible para a xestión da vida diaria”, advirte a directora de Alume, quen insta aos lectores a poñerse na pel de alguén que “vive só e illado nunha contorna na que o contacto con outras persoas é escasísimo”. “A saúde mental de calquera ser humano está vinculada ao contacto cos demais. Se non tes con quen falar e compartir o que te acontece día a día ou as túas preocupacións, perdes esas habilidades e a túa saúde mental reséntese”, asegura Ana Regueira, convencida de que “achegar contacto humano, de seu, xa é rehabilitador”. “Neste caso, ademáis, ese contacto humano é proporcionado polos nosos profesionais, que están habituados a traballar con persoas que teñen ese tipo de dificultades, e que entenden claramente que o coidado da saúde mental non se limita a tomar unha medicación necesaria, facer uns exercicios de rehabilitación cognitiva ou á psicoterapia. Precísase, tamén, que a vivienda reúna a condicións mínimas de salubridade. Por exemplo, hai persoas que non acenden a cociña en todo o inverno porque non teñen leña e non fan a xestión de ir comprala, ou que teñen estragado o quentador e pasan meses sen ducharse. En concellos extensos, os servizos sociais municipais son descoñecedores, ás veces, destas problemáticas, que tamén inciden na saúde mental. A nosa labor é detectalas e axudar aos afectados a xestionalas, poñéndoos en contacto cos axentes encargados de botar unha man en cada unha desas situacións”, engade.

En estreita coordinación cos servizos públicos traballa, tamén, Avelaíña, asociación que iniciou de forma piloto, en 2016, a atención domiciliaria no rural a persoas con problemas de saúde mental. “Nun primeiro momento, consistía en aproximar a atención sociosanitaria na comunidade a persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares. O resultado deste proxecto piloto foi que se atendeu, durante catro meses, a unhas 60 persoas. Constatouse, así, esa necesidade, e xa no 2017 comezamos con Achego”, explica Lorena Francisco, psicóloga clínica da entidade, quen sinala que ese programa “está dividido en diferentes liñas”. “Con respecto á da atención domiciliaria, o que facemos é atender as demandas que imos atopando en torno á saude mental. Vemos un pouco de todo: desde persoas que non teñen un diagnóstico, a outras que si o teñen e non queren saír da casa, ou que non poden acceder ás unidades de apoio comunitario. Esta liña é moi importante tendo en conta, sobre todo, a dispersión xeográfica nas zonas de Condado-Paradanta e Salceda de Caselas, onde traballamos”, indica.

"Poder desenvolver o teu proxecto vital no lugar de onde es e séntesche é un dereito”

Lois Pose - Educador social de Fonte da Virxe

A “dificultade de acceso á atención básica en saúde mental”, a “distancia dos recursos especializados” e a “imposibilidade de desprazarse en transporte público” son, segundo Francisco, as principais necesidades que detectan a través de Achego. “Hai xente de A Cañiza que, para ir a Vigo, ten que pagar 50 euros de taxi á ida e outro tanto á volta porque, ou non teñen autobús, ou o teñen que coller ás seis da mañá para volver ás seis da tarde”, advirte a psicóloga de Avelaíña.

Ao illamento e a dificultade para acceder aos recursos asistenciais alude, tamén, Lois Pose, educador social da asociación Fonte da Virxe, que leva a cabo a súa labor na contorna de Santiago. Esta entidade de atención a persoas con problemas de saúde mental traballa no rural cun “programa de acompañamiento comunitario”,  que botou a andar en 2016 en concellos como Teo, O Pino Ames, Vedra, Boqueixón e Vila de Cruces. “Movémonos bastante porque as necesidades e o gran deserto de servizos no rural fan que nos reclamen desde moitos lugares”, apunta Pose, quen especifica que no eido rural contan ademais co programa Achega, que están a realizar tamén noutros concellos, como Negreira ou Arzúa. En ambos casos, a finalidade é “dar apoio ás persoas con problemas de saúde mental no se medio”. “Poder desenvolver o teu proxecto vital no lugar de onde es e séntesche é un dereito”, reivindica.

O peso do estigma

Outra problemática engadida é o enorme estigma que existe cara os problemas de saúde mental, cun especial peso nas localidades pequenas, onde o medo ao rexeitamento cobra, se cadra, un maior protagonismo. “Nas cidades, existe un anonimato que protexe bastante, pero nas aldeas non, e as persoas con problemas de saúde mental precisan tamén de alguén que as rehabilite diante da súa contorna. Cando chegan os nosos equipos, e a xente ve que aquel veciño que un día foi ingresado no hospital despois de que a Garda Civil fose á súa casa e que desde entón non saía, comeza a ir a camiñar con esas persoas, mesmo vai tomar o polbo á feira con elas, e saúda cando o cruzan polos camiños, o empezan a ver dun xeito diferente, e iso tamén redunda na súa saúde mental de forma importante”, asegura Ana Regueira.

Sobre esta cuestión, Lois Pose considera que o medio rural “ten a parte estigmatizadora” pero “tamén pode ser un espacio protector” para as persoas con problemas de saúde mental graves. “Ao final, se son capaces de superar a visión negativa, os medos ou o rexeitamento que producen os problemas de saúde mental, os afectados atópanse cun espazo moi protector. Unha vez derrubados eses muros, a comunidade rural pode facer de colchón. Nós xa o comprobamos”, subliña o educador social de Fonte da Virxe.

"O estigma fai que o illamento destas persoas sexa aínda maior"

Lorena Francisco - Psicóloga de Avelaíña

Neste sentido, a psicóloga de Avelaíña, Lorena Francisco, cre que ese estigma que hai en xeral, e que se pode acrecentar nas localidades pequenas, con respecto aos problemas de saúde mental, unido ao illamento, “é un cóctel que fai que as persoas que sofren trastornos dese tipo encérrense aínda máis en si mesmas”.

Por outra banda, hai un gran descoñecemento por parte das familias e persoas achegadas sobre as propias enfermidades mentais, o que leva moitas veces a unha inacción na busca de axuda sanitaria ou social e, consecuentemente, ao illamento destas persoas. “Na maioría dos casos non hai familia, pero cando si a hai, existe unha problemática engadida moi importante, no sentido de que ás veces non diferencian ata onde chega o problema de saúde mental e a personalidade do seu familiar. Os hiperprotexen e mesmo os infantilizan, de xeito que non teñen ninguna función no fogar, e isto é un hándicap no que temos que mediar tamén”, afirma a directora de Alume, quen asegura que o perfil das persoas que atenden nas visitas aos domicilios do rural é moi similar ao das que acoden aos centros de rehabilitación: homes, cunha idade media de 52 anos. “O número de mulleres que atendemos neste programa é inferior, aínda que tamén están aí”, sinala Ana Regueira. A intervención, sen embargo, “é moi gratificante cos dous xéneros”. “Sobre todo, pola motivación que lles produce o contacto humano, sentirse acompañados. Ao ver que descoñecidos entran nas súas casas e non lles temen, aprenden a confiar noutras persoas, e iso tamén é saúde mental”, remarca.

Coinciden plenamente con ela tanto Lois Pose como Lorena Francisco, quen asegura que os programas de atención domiciliaria a persoas con problemas de saúde mental no rural son “absolutamente necesarios”. “Non só por ser un recurso específico en saúde mental para persoas con grandes dificultades para acceder a outros servizos, tamén porque os avances dos usuarios son moi visibles. É moi gratificante ver como as persoas que entran no proxecto Achego saen del e intégranse na comunidade. Existe unha inclusión real”, conclúe.