Cando falamos de saúde mental dentro do gran concepto de saúde, estamos a falar desa gran descoñecida da que ninguén se acorda, a irmá olvidada que queda desatendida porque non se lle presta suficiente atención. Nin os gobernos, nin as axendas políticas, nin boa parte da poboación.

O 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, bríndanos a oportunidade ás organizacións que traballamos neste eido de facer chegar as nosas mensaxes e alzar un pouquiño máis a voz sobre a necesidade de coidar e atender esta parte da saúde que ocupa un espazo fundamental no noso benestar xeral.

Vimos de atravesar unha pandemia que puxo a proba a nosa saúde mental, e iso achegounos un pouco máis á realidade de moitas persoas (decenas de miles en Galicia) que conviven día a día cun problema desta índole. Para estas persoas, a posibilidade de ter unha calidade de vida digna depende da existencia de recursos, apoios e servizos de atención á saúde mental, tanto sanitarios como sociais, que sexan axeitados, suficientes e de calidade. E, por suposto, que estean ao seu alcance.

Este ano queremos denunciar todas aquelas desigualdades que impiden que o coidado da saúde mental sexa accesible para todas as persoas, xa sexa por motivos económicos, educativos, de xénero, por idade ou por motivos xeográficos. E disto último, temos moitos exemplos en Galicia.

Cando en marzo de 2020 parou o mundo, non puideron facelo os compañeiros e compañeiras das asociacións de saúde mental, que tiveron que artellar unha complexa resposta ás restricións ditadas polas autoridades, realizando un gran traballo de contención para evitar situacións críticas por parte das persoas usuarias. Neste contexto, cómpre sinalar o especial impacto que tivo esta circunstancia nas contornas rurais, onde as limitacións son maiores e, consecuentemente, os esforzos tiveron que redobrarse.

Houbo que burlar a fenda dixital, moi acusada no rural, pero tamén facer fronte ás malas comunicacións coas zonas afastadas e á práctica inexistencia de transporte público, que impediu a moitas persoas realizar actividades básicas como facer a compra, ir ao médico ou ir á farmacia. Os servizos médicos especializados atópanse xeralmente lonxe das zonas rurais, polo que a atención á saúde mental nun contexto tan sensible resultou inaccesible para unha parte da poboación.

O illamento social, xa de por si complicado, aumentou durante este tempo e levou aparellada unha maior vulnerabilidade daquelas persoas que viven soas en lugares moi afastados, lonxe das súas familias e con medios moi limitados para comunicarse con elas. Todo isto púxose de manifesto durante os peores meses de pandemia, pero constitúe unha realidade no día a día de moitas persoas.

Por iso, este 10 de outubro, queremos facer un chamamento para que a poboación con problemas de saúde mental que vive no rural non quede desatendida, para que se dote aos servizos sanitarios dos recursos necesarios para unha atención axeitada e accesible, e para que a saúde mental deixe de ser, por fin, a gran esquecida.