O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, entregou as medallas de ouro e prata das Galiciaskills 2021, as olimpíadas da FP, cuxos gañadores sinalou como expoñentes “da calidade e modernización da Formación Profesional galega”. Felicitou, asemade, a estes 50 alumnos pola súa excelencia. “Estamos moi orgullosos de vós, xa que sodes piares que facedes que a nosa FP sexa un sinónimo de calidade, de profesionalidade e de innovación”, afirmou.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor o modelo de éxito destas ensinanzas na nosa comunidade. “Non hai máis que repasar as cifras dos últimos anos para comprobar que a FP galega experimentou na última década unha verdadeira revolución silenciosa”, explicou, sinalando que os datos de matrícula actuais “duplican practicamente aos que tiñamos hai 10 anos, ata superar a barreira dos 60.000 estudantes”.

Román Rodríguez quixo facer tamén fincapé nas cifras de inserción laboral destas ensinanzas, que se sitúan no entorno do 90% e mesmo por riba no caso da FP Dual. “Agora máis ca nunca a nosa Formación Profesional é sinónimo de prestixio, competitividade, empregabilidade e adaptación ao entorno laboral”, salientou.

Tamén destacou a implantación de novas modalidades, como os másters de FP, “poñendo en marcha 13 cursos de especialización en áreas de futuro”, ou a FP Dual, “que é hoxe un dos principais valores da nosa oferta. De feito este ano acadamos a cifra récord de 160 ciclos, nos que se forman 2.000 alumnos”.

As olimpíadas galegas da FP celebráronse entre o 5 e o 8 de outubro, en 11 centros formativos que imparten estas ensinanzas ao longo de todo o territorio galego. En total disputáronse 23 competicións relacionadas coas especialidades (skills), nas que o máis de medio cento de participantes mediron as súas destrezas e demostraron as súas capacidades na realización das correspondentes probas. O alumnado gañador da medalla de ouro participará en Spainskills, que se celebrará en marzo de 2022.

Un total de 22 expertos organizaron as cuestións técnicas e planificaron cada unha das competicións, nas que os participantes contan tamén co apoio dos seus docentes, aos que o conselleiro tamén trasladou os seus parabéns.

O representante da Xunta de Galicia estendeu tamén o seu agradecemento aos 11 centros educativos que acolleron as competicións e ás 70 empresas colaboradoras, polo seu compromiso coa Formación Profesional.

Os gañadores das medallas de ouro foron, xunto os titores, os alumnos Martín Cambón, Gabriel Besada, María Emilia Piedra, Andrea Castreje, Adrián López, Alberto Estévez, Santiago Andrade, Manuel Goyanes, Eva Fernández, Manuel Antonio Alonso, Antonio Manuel Presas, Pablo Corral, Iván Redondo, Celia Vázquez, Jorge García, Ismael Fernández, Sergio Martínez Calvar, Jordi Montero, Iago Castro, Bruno Landrove, Mateo Rubal, Alfonso Rodríguez, Sergio Martínez Pajón, Iván Francisco Darriba e Anxo Gabián.