Sabela Maneiro | Pandeireteira e membro de Tanxugueiras
“Sempre dicimos que a guerra se fai desde dentro e ir a Eurovisión sería algo moi bo”
“É unha mágoa esa realidade de que os nenos se avergoncen de falar galego”

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro. | // ROCÍO CIBES / Ana Carro
É o grupo do momento. Tanxugueiras conquista o panorama musical coa súa aposta pola música tradicional galega, pero na que tamén hai espazo para o autotune. Participarán no Festival de Benidorm, de onde sairá o representante de Eurovisión, despois de sentir o apoio dos eurofans nas enquisas previas. Sabela Maneiro fai un repaso ao último ano, o que está por vir, como o concerto da Coruña a finais de mes, e o que necesitan as novas xeracións para respectar e amar a súa cultura.
Levan case tres anos, con pandemia incluída, con Contrapunto. Un dos últimos concertos será o de Festigual, o sábado 27 de novembro. Como é dicir adeus a esta xira?
A verdade é que dá moita peniña, porque foi un disco e unha xira que fixemos con moitísimo cariño a pesar das trabas que puidemos ter. Pero, á mesma vez, tamén estamos contentas de abrir outra porta e comezar outra xira en marzo. Son sentimentos encontrados entre alegría e tristeza.
Que teñen preparado?
Estamos traballando no disco e nun directo que estea ao mesmo nivel que calquera dos que se están escoitando hoxe a nivel estatal. Que se cante en galego non significa que non teña que ter ese nivel.
Serán diferentes os directos de 2022?
Non vamos perder a nosa esencia, vai ser música tradicional, pero imos evolucionando e dando un pasiño máis. Queremos achegarnos á xente máis nova que é a que vai facer que isto perdure no tempo. É necesario que collan o testigo as novas xeracións. Se están desconectadas, vai chegar un momento no que isto desapareza. Se damos conectado ás novas xeracións, isto vai para largo.
Tanxugueiras é o exemplo de que a tradición volve para reivindicar o lugar que merece.
A tradición volve para quedar. Nós furamos un pouquiño para facer visible a música tradicional, pero volve para quedar porque estamos facendo canteira, nós e os nosos compañeiros. Agora o único que queda é ir para arriba.
Realizan actividades en colexios para fomentar a música tradicional galega con cancións e xogos. Que precisan nenos e nenas para coñecer a súa cultura?
Eu creo que no colexio, non só nas actividades extraescolares, tiñan que ensinar iso. É a nosa cultura, a nosa tradición e a nosa historia. Ten que informarse máis. Imos polos colexios e hai nenos que non teñen nin idea do que temos aquí. Deberían facer unha materia ou clases para que os nenos coñezan o que teñen senón tenden a esquecerse, porque non coñecen, non están arraigados. Nós, por exemplo, tivemos a sorte de sentirnos partícipes desta cultura. É a nosa identidade. Se non facemos partícipes aos nenos e nenas de que é a súa cultura e de que teñen que amala, respectala e coidala, non teñen ese arraigo con ela. É normal.
Que atopan nesas visitas?
Os nenos están encantados. Descobren, por exemplo, que lles mola a pandeireta. Quedan abraiados. Falamos sobre o galego, sobre a diversidade lingüística e de que hai que coidar o noso. É unha mágoa esa realidade de que os nenos se avergoncen de falar galego ou tocar un instrumento como o noso. Intentamos, dentro do que nós podemos, que iso non suceda.
É curioso que iso o faga un grupo de música.
Pois si. Tería que haber unha base. Os nenos son esponxas e, en moitos casos, non saben.
E así Tanxugueiras é un referente para moitos. Son conscientes?
Pois si. Notamos esa responsabilidade pero tampouco é nosa. Somos conscientes de que temos un altofalante e que temos que usalo dalgunha forma, pero non nos metemos moita responsabilidade. Isto é algo de todos. Para moitas nenas somos o seu referente, pero nós somos o que somos, somos persoas, non podemos asumir esa presión de ser referente dunha nena que está por descubrir o mundo e que calquera cousa que poidas dicir pode influír.
Cal foi o seu referente?
As Leilía. Eran mulleres empoderadas que foron as primeiras en subirse a un escenario tocando a pandeireta. Era a primeira vez que non acompañaban a ningún gaiteiro, tocaban o seu propio repertorio.
En febreiro saíu Midas, unha canción con bases electrónicas e autotune. Como xorde?
Nós escoitamos todos os estilos de música e iso reflíctese á hora das creacións. Escoitamos Nathy Peluso, María José Llergo, Rosalía, Rodrigo Cuevas... Empapámonos de todo iso, non temos prexuízos. A música é música e o contido das letras é o que diferencia se vale e non vale.
Soará así o novo traballo?
Estamos camiñando cara unha dirección moi clara. Non nos imos esquecer do que somos e sacaremos temas máis tradicionais, pero temos moi claro que esta é a liña que queremos seguir e a que vai chegar aos máis novos. Temos unha meta, que é chegar a canta máis xente mellor, e atrapar a cantos máis nenos e nenas mellor.
Nese camiño por ensinar a súa música e chegar a máis sitios, os eurofans apostaron por Tanxugueiras nunha enquisa para ir a Eurovisión. Como foi ese momento?
Moi gracioso e de incerteza. Non sabiamos o que estaba a pasar. Estamos moi contentas de ser as gañadoras desa enquisa con tantos artistas como había. Non hai que esquecer que foi o público quen nos elixiu. Foi unha sorpresa. Vimos todo por Twitter.
Onte anunciaron que estarán no Festival de Benidorm, na elección de quen irá a Eurovisión. Que teñen preparado?
Unha canción empoderada, máis nós que nunca e con ritmos que poden chegar ao público, pero sabendo cal é a mensaxe que queremos transmitir.
Pensan na posibilidade de representar a España nese festival?
Non pechamos portas. Son cousas improbables, non imposibles. Sempre dicimos que a guerra se fai desde dentro. Ir a Eurovisión sería algo moi bo para a música galega, para as pandeireteiras, para a música tradicional, para as linguas cooficiais e para moitas cousas. Se nós somos ese trampolín para que se nos respecte e se vexa que hai máis músicas de raíz en España, non só o flamenco, e para que se respecten as linguas cooficiais, benvido sexa. Non é só un grupo en galego cantando en galego, é que a música tradicional estea aí e se baralle polo público que nós poidamos ir a Eurovisión, é un logro. As cousas están cambiando e temos unha responsabilidade con Galicia, coa nosa xente e con nós mesmas. Presentamos a canción e agora xa non depende de nós.
- Este pueblo a media hora de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene las viviendas más baratas de la provincia
- Qué hacer si sufres un infarto estando solo en casa: pasos clave para actuar a tiempo y salvar la vida
- Nuevo varapalo para los propietarios: los inquilino podrán extender su contrato aunque el casero no quiera
- El psiquiatra Enrique Rojas, experto en salud mental, sentencia a los infieles: 'El mejor amor se pierde si no se trabaja...
- A Coruña, Arteixo y Culleredo se alían para rehabilitar la infraestructura deportiva de Montegolf y piden 340.000 euros a la Xunta
- Polémica en el mercado de San Agustín: las placeras exigen al Concello que frene el concurso para 23 puestos
- Monte Mero, futuro barrio de jóvenes
- Una escalera al cielo de la excelencia gastronómica en A Coruña