A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a traballar “nunha nova convocatoria que se lanzará proximamente e que terá como obxectivo reforzar e integrar ás familias nas actividades das bibliotecas escolares”, segundo explicou Román Rodríguez.

Ademais, a Xunta está planificando a elaboración da terceira fase do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta nesta materia desde o ano 2010. Para o novo período, expresou o conselleiro, os obxectivos principais pasan por “garantir a presenza estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos, avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva ou reforzar as bibliotecas como puntos estratéxicos para acceder ás aprendizaxes na era dixital”.

Este ano reforzáronse tamén os materiais inclusivos das bibliotecas escolares e Galicia pasou a ser a comunidade “coa maior porcentaxe de centros con mobiliario e equipamento adaptado ao alumnado con necesidades especiais”.

Dous dos principais programas de bibliotecas escolares son Radio na Biblio e Biblioteca Creativa. Precisamente nos últimos días a Consellería vén de resolver ambas convocatorias. No caso da primeira das iniciativa, son 30 os centros de nova incorporación, ata sumar un total de 138 centros participantes neste programa. O seu obxectivo é promover a creación de emisoras/laboratorios de radio nas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Por outra parte, os novos centros en Biblioteca Creativa serán 25. O obxectivo é estimular a investigación nestes espazos, fomentando a conversión das bibliotecas en centros creativos de aprendizaxe nos que, ademais de fomentar a lectura, se fortaleza a alfabetización informacional do alumnado e se promova o uso das novas tecnoloxías como ferramenta interdisciplinar de aprendizaxe.