A Central Folque acaba de editar e presentar na feira Culturgal de hai uns días unha auténtica xoia: Pandereteiras de Mens, un libro-CD de 225 páxinas que recolle a historia e a música de cinco mulleres dunha pequena parroquia rural de Malpica de Bergantiños que nos anos setenta e oitenta levaron polo mundo este patrimonio galego rachando ao mesmo tempo con todas as barreiras e prexuízos impostos polo patriarcado. Para moitos, foron as máis grandes cantadoras e tocadoras do país. Agora a súa arte, a súa voz e a súa música, están recollidos para sempre nun exhaustivo traballo case de arqueoloxía musical feito pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto.

Esta investigadora fixo a súa tese doutoral sobre a” imaxe folclorizada”que o franquismo e o NO-DO proxectou da música tradicional galega naqueles anos. “Deime conta de que eu non traballara coa oralidade, senón co folclore que transmitira o NO-DO. A Central Folque quería recoller o traballo das pandereteiras de Mens e propúxome facelo e iniciei un traballo de campo que me levou dous anos. Coñecín á última pandereteira, Teresa, pero xa morreu pouco despois”, conta Beatriz Busto.

O labor desta experta dou como froito un traballo que inclúe dúas partes. Unha é o libro no que se conta a vida destas mulleres e como empezan a tocar polo mundo adiante cando empezaron a ser coñecidas dende que subiron por primeira vez a un escenario en 1972, no Teatro Colón da Coruña. “A Agrupación Folórica Aturuxo da Coruña estaba dirixida naqueles anos por Manuel Cajaraville e el cando as viu actuar alucinou, sentiu que estaba ante a esencia viva do país e empezou a levalas polos escenarios do país”, sinala Busto. Actuaron por toda España, pero tamén por Francia ou Arxentina. “Foron as primeiras pandereteiras en subir aos escenarios”, subliña esta investigadora.

“A segunda parte deste traballo é o CD cunha escolma da súa música, despois de pescudar en arquivos de televisión, da agrupación Aturuxo, da agrupación de Mens, de arquivos de Dorotea e Antón Santamarina...É un estudo musicolóxico e tamén inclúe unha transcripción musical e un estudo analítico que fixen con Sergio de la Ossa. É un traballo moi técnico. Foi complicado localizar músicas e arquivos, que estaban en moi mal estado, con VHS difíciles de escoitar”.

Esta antropóloga sinala que o excepcional destas cinco mulleres é que “foron cinco mulleres, labregas, vellas, vestidas de negro, do rural, saídas de Mens e de Asalo, que acceden a un lugar visible e público, a un escenario, naqueles anos setenta. Supón unha reivindicación en clave feminina, con elas empezouse o proceso de plena conciencia de mirar para o patrimonio oral feminino, visibilizalo. Foi algo moi potente”, engade Beatriz.

O 18 de decembro a Central Folque organiza xunto ao Concello de Malpica unha xornada sobre as músicas patrimoniais de Mens nun curso monográfico, de balde, para persoas iniciadas no baile. Pola tarde presentarase esta novidade editorial, Pandereteiras de Mens xunto con outro máis, Infinito no pé. Ribeirana. Actuarán ademais as pandereteiras de Raigañas e proxectarase por primeira vez en público a gravación, en Súper 8, do primeiro documento sobre a Ribeirana en 1971. Xotas, pasodobres e muiñeiras, tamén un chotis e un valse, son algunhas das pezas que se poden oír tocar e cantar ás pandereteiras de Mens, “unha estirpe histórica que tocaba co puño pechado”, como lembra o profesor e divulgador da transcendencia destas mulleres, Xosé Manuel Varela.