Nesta ocasión as candidaturas están moito máis repartidas que na edición anterior e os proxectos elixidos resultan máis heteroxéneos que o ano pasado. Os finalistas amosan as diferentes tendencias que desenvolven os artistas do país que están a traballar na música de raíz, que abordan a creación musical dende diferentes prismas.

Hai dous discos que lograron nomeamento en tres categorías. O veterano Pancho Álvarez realizou o seu sexto traballo en solitario, onde volve amosar a súa habelencia e gusto á hora de tocar diversos instrumentos de corda. Comezou no grupo Na Lúa, gañador dun PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira, e dende hai anos acompaña ao virtuoso gaiteiro Carlos Núñez, con quen xa coincidira no grupo Matto Congrio. O músico mergúllase na música antiga e achega algunha composición propia no seu álbum. O outro traballo que acadou tres candidaturas é o do dúo debutante Caamaño & Ameixeiras. A acordeonista Sabela Caamaño participou nunha gala dos galardóns formando parte do trío Quinta San Vitorio. A violinista Antía Ameixeiras formou parte da banda Samarúas e posteriormente integrouse en Luar na Lubre. Agora toca coa banda que acompaña a Carlos Núñez. Ela compuxo tres temas para un disco no que demostran ter as ideas musicais claras.

Con dúas presenzas no cadro de finalistas aparece o Cuarteto Caramuxo, que xa recibiu un galardón no anterior formato dos premios. Cando naceron deixaron ver unha unha proposta diferente ao xa coñecido co seu xogo de clarinetes e continúan circulando por un vieiro só transitado por eles. Neste terceiro álbum da formación as pezas do cancioneiro de Casto Sampedro teñen unha nova vida na súa reinterpretación.

Xoán Curiel tamén consegue aparecer en dúas categorías. O músico fai unha revisión de temas medievais dende a súa perspectiva de cantautor para lle dar un enfoque diferente a esas pezas no sétimo álbum dentro dunha carreira ecléctica. O segundo traballo en solitario do contrabaixista Álvaro Iglesias métese na loita para se poder facer con dúas estatuíñas. Catro dos dez temas incluídos na obra son composicións propias. O músico tocou na súa traxectoria de máis de dúas décadas nos escenarios con algúns dos mellores artistas galegos e, ao igual que Curiel e Álvarez, é a segunda vez que logra ver o seu nome entre os mellores artistas anuais. Co grupo Entre Trastes gañou tres PREMIOS OPINIÓN.

Optan a un premio outros catro traballos editados o ano pasado. Beatriz Martínez aparece como mellor artista polo bo facer despregado no seu debut discográfico e os outros tres proxectos optan por cancións. Entre as composicións propias atopamos un tema da banda Timparrantela composto pola pianista Olga Brañas e unha creación de Rosa Cedrón, que xa sabe o que é gañar nesta categoría con Benditas Feridas. Entre as adaptacións de tema tradicional ten o seu lugar unha canción de Xurxo Fernandes, un artista fondo coñecedor do folclore galego que anovou o enfoque dado á sonoridade neste disco ao tender pontes co Mediterráneo.