Os Mestre Mateo recoñecen este ano, na súa vixésima edición o próximo 19 de marzo, á cineasta, xornalista e investigadora Margarita Ledo Andión (Castro de Rey, 1951) co premio Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. Independencia, compromiso, reflexión, creación e feminismo son algúns dos alicerces da súa traxectoria, da que se sinte satisfeita, entre outras razóns, por contribuir a que o cinema galego gañara confianza coa súa diversidade de propostas.

“Por recuperar voces e relatos da nosa historia recente a través das súas películas desde unha posición independente e reivindicativa”. Esta é unha das razóns polas que se lle premia. Vostede por que diría que se lle recoñece?

Non é fácil responder, a miña visión sobre mín pode ser distinta da dos que me valoran. Eu pensó que o que se recoñece é un traballo máis académico e de investigación, de construir unha nova cartografía arredor das chamadas pequenas cinematografías en linguas non hexemónicas, onde entra a cinematografía en lingua galega. Dalgunha maneira adquirín o vicio de facer proxectos pilotos, sexa no estudo, na pesquisa ou nas propostas.

Para quen terá dedicatoria o premio?

Para todas as mulleres que me acompañaron nos meus filmes sempre ou desde hai moito tempo: Mónica Caamaño, Eva Veiga, Xoana Pintos, Margarita Fernández, Mónica Denut…

Que é máis Margarita Ledo: xornalista, investigadora, cineasta, escritora, docente...? Ou é toda unha?

Non estou moi segura. Fago moitas excursións cara algo. Supoño que esas variantes me van configurando. O que si é certo é que, en perspectiva, hai moito de curiosidade, de ter que alimentarte desde fóra, moito de xornalismo. A fotografía tamén foi o meu primeiro territorio de estima, sobre o que fixen a miña tese de doutoramento, e nótase moito a influencia da foto nas miñas primeiras películas, no encadre, na cámara fixa, en certa lentitude. Vou cara obxectos non moi visibles e tráioos para un primeiro plano e consigo ampliar o respeto por eles no mundo académico. Seguramente fun acertando na escolma daquelo que me atraía, tanto a nivel de pensamento como de autores e autoras. Ás veces gustaríame desdobrame en Marguerite Duras pola súa capacidade para ir ao fondo da relación amorosa ou en Fernando Rey, o actor cinematográfico que mellor viste un pixama, coma se levara un esmoquin.

De que se sinte máis satisfeita entre a súa contribución ao audiovisual galego?

Son vinte anos de dedicación, como os premios Mestre Mateo. Eu fago moitos bucles na obra, volvo aos temas que deixei atrás. Síntome moi satisfeita, máis que do meu grao de area, da pedriña de seixo que brilla na noite para que non te perdas. Esa pedriña é que era posible facer cinema en galego e construir un público para el, que podía atravesar todos os rexistros e xéneros máis diversos como calquera outra cinematografía. Estamos diante dun momento de gran diversidade de propostas, que pode crear circuitos, distribuidoras e salas que aceptan a versión orixinal subtitulada en lingua galega. Creo que contribuín a isto, e son das que seguen ata o fin.

Reivindicando ademais a creación feminina neste eido.

Neste tempo ten emerxido a autoestima das cineastas mulleres e das súas propostas. Tardaron en ter dereito de paso pero foron furando. É o de “áuga mole em pedra dura, tanto bate até que fura”; conseguíronno e aí está o feito. Isto tamén é algo do que eu participo.

Nestas dúas décadas de traxectoria e de premios, cales son os cambios máis positivos que advirte no audiovisual galego?

O principal é que se gañou confianza no tipo de cinema contemporáneo que se podía facer en Galicia para desenvolver unha obra creativa e que tamén se ten que mover a nivel de mercado. Esa confianza levou a plantexar unha serie de esixencias ás políticas do cinema, que son completamente imprescindibles, aquén e alén. E esa confianza deu para estabilizar medidas, como incorporar apartados para subtitulaxe ou para cinema feito por mulleres. Son elementos que cara o futuro seguirán a avanzar. Perdeuse o medo ao feminismo no cinema, que non ten que ver con ser home ou muller, senón con unha toma de posición sobre a igualdade.

Avanzamos tamén en temas, argumentos, enfoques?

No volume Marcas na paisaxe, que fai un panorama histórico do cinema galego buscando vestixios e ancoraxes, falamos de temas dominantes como a emigración e a relación coa terra, sempre presentes. Nos filmes dos últimos vinte anos fomos cara unha organización diferente na que aparecen todo tipo de tratamentos, temáticas e motivos, de cinema de canon realista a outro máis onírico. Todo isto está activo, e eu admiro moito o que está en acción, coincida ou non coincida, agrádeme máis ou agrádeme menos. Todas as pezas van creando unha engranaxe que se va axustando, no que as pezas quérense entre elas sen rivalidades. Sabémonos xa que somos unha cinematografía pequena na que temos que acubillarnos os uns aos outros. Esta engranaxe se está a dar tamén coas políticas institucionais, que seguramente son as que están máis retrasadas.

Esta visión súa é compartida por outros profesionais do sector?

Aprézoa de tal xeito que nas últimas reunións do que chamamos “Iniciativa polo Audiovisual en Galego”, que ten unha serie de emendas que presentar á Ley do Audiovisual que entra no Congreso, estas emendas están avaladas polas asociacións de guionistas, de traductores, de creadores e de dobladores. Non falta ninguén de toda a cadea. A experiencia compre seguir labrándoa e alimentándoa. Non hai que esquecer que o cinema é un lugar de encontro, de ver xuntos algo nesa escuridade onde oes respirar a outras persoas e te relacionas coa pantalla.

Que lle falta por facer agora a Margarita Ledo?

Quixera ter tempo, sobre todo psicolóxico, para volver a escribir. Noto esa ausencia. Unha peza ou unha foto me dan para un ensaio; ir a un espectáculo remóveme para mudar un programa docente. Querería facerme a mín mesma a proba de se consigo pecharme nese universo. Para mín a escritura, como experiencia orgánica, é o que máis me afecta, me quita o sono como unha sorte de namoramento.