La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Directora adxunta do Centro Dramático Nacional

Fefa Noia: “O perigo máis grande do machismo é o que non se verbaliza”

“A calidade artística do teatro galego está fóra de calquera dúbida”, defende

Fefa Noia, directora adxunta do CDN. | // XOÁN ÁLVAREZ XOAN ALVAREZ

A santiaguesa Fefa Noia é a directora adxunta do Centro Dramático Nacional e unha das artífices de que nesta tempada a compañía estatal incluíra unha elevada presenza de proxectos galegos no seu programa. Tras abandoar no 2019 a dirección do Centro Dramático Galego virou o timón cara Madrid temerosa de aparcar a súa inquedanza más artística a prol da coordinación executiva do CDN. Asegura que non se arrepinte.

O Centro Dramático Nacional (CDN) ten unha política que busca a paridade.

É algo que xa leva tempo. Co anterior equipo de dirección xa houbera unha conversa coa asociación Trágicas y Modernas. É un grupo vencellado ás artes escénicas a nivel nacional e con presenza maioritaria feminina. Empezaron a promover que se aspirara á igualdade en moitísimas institucións. De feito, daquela, eu estaba no Centro Dramático Galego e tamén me reunín con elas para conseguir cumprir como mínimo a lei. No noso caso no plan director de Alfredo Sanzol —director do CDN— figura como un dos obxectivos transversais fundamentais satisfacer a lei de paridade e, polo momento, estamos incluso superándoa.

Como se concretiza?

Estamos procurando que as porcentaxes sexan do 50-50 entre mulleres e homes no só no que se computa en equipos de dirección ou dramaturgos, senón en todas as actividades, por exemplo, cando deseñamos unha publicación, un coloquio...

A verdade é que nas compañías galegas que colaboran esta tempada co CDN a presenza feminina é maioritaria.

Si, pero ás veces tamén nos atopamos con dificultades, inda que no caso das compañías galegas xogou a favor: con Marta Pazos, Ana Vallés, A Panadería, Esther Carrodeguas ou mesmo Chévere. Inda que nestá última está á cabeza Xesús Ron, tamén está Patricia de Lorenzo.

FICHA PERSONAL

De nena, era fan de Marilyn. A compostelá Fefa Noia interesouse polo teatro tras rematar os estudos de Filoloxía Alemana da Universidade de Santiago cun curso de posgrao en Arte Dramático en Múnich. Acabaría formándose como directora no Teatro de la Abadía para despois ser a directora do Centro Dramático Galego e, agora, do Centro Dramático Nacional.

Como se sentiu cando recibiu o convite para ser directora adxunta desde buque teatral?

Foi un regalo, sinceramente. Eu non coñecía a Alfredo personalmente, pero si profesionalmente. Eu acaba de comunicar a Jacobo Sutil, de Agadic, que deixaba o Centro Dramático Galego. Ao pouco, en dúas semanas, recibín a chamada de Alfredo. Pedínlle que me dera tempo para pensalo porque, inda que había unha parte que me encantaba do proxecto había outra artística que se sacrificaba porque este é un posto máis de xestión cultural. A reacción del foi espectacular e dende a escoita e despois xa lle confirmei que si

Xusto lle coincidiu o inicio da pandemia no arranque.

Si, estamos atravesando épocas ben difíciles. Incorporámonos o 1 de xaneiro de 2020 e a penas tivemos dous meses de normalidade. Despois xa veu o confinamento e todo o que afectou á actividade. Pero estou contentísima de estar neste equipo.

"Despois de tantos séculos de historia machista hai que seguir corrixindo eivas"

decoration

Outra das liñas importantes é a de abrirse ao teatro doutras zonas de España, entre elas, Galicia.

Si, un dos obxectivos do plan director é abrirse ao territorio estatal pero os criterios principais sempre son a calidade artística e de talento. Nós intentamos estar atentos ao que acontece no resto do territorio. É certo que nesta tempada tivemos moita fortuna en haber proxectos magníficos en Galicia. Despois, tamén hai que buscar un equilibrio. Por exemplo, a temporada vindeira non vai ser tan galega. Pero tamén quero resaltar o esforzo que fai o Centro Dramático Nacional para saír de xira con dúas producións propias e a nosa aspiración é ter visitada toda España en dúas tempadas.

Era como unha asignatura pendente co público.

Había unha sensación de que o CDN non estaba tan presente no resto do territorio e si, era unha asignatura pendente. E non só hai que ter en conta o que sucede en Madrid senón que debemos abrirnos ao que sucede fóra. Tamén creo que ten que ver co signo dos tempos.

Faltaba ambición nas compañías galegas para saír fóra?

Non, eu creo que é un pouco de todo. Compañías como Chévere e Voadora querían actuar en Galicia pero tamén abrírense ao resto do Estado. Agora hai máis medios e posibilidades por parte do resto da xeografía estatal.

Avanzamos máis en cinco anos que nos últimos cen

decoration

Dende que empezou ata agora, cre que hai unha maior concienciación para denunciar o acoso ou reclamar maior presenza nos órgaos de dirección.

Houbo moitos avances pero ten que haber máis. As mulleres deben facerse donas de querer ocupar ese espazo e as institucións tamén teñen que avanzar. Despois de tantos séculos de historia machista hai que seguir corrixindo eivas. Nos últimos cinco anos avanzamos máis que nos últimos cen. Pero hai que ter coidado coas campañas de desprestixio porque hai unha parte da poboación que non está preparada para asumilo.

Atopou moitos atrancos por ser muller?

A verdade é que non podo dicilo porque é un tema delicado xa que corres o risco de incurrir en certo victimismo.O perigo máis grande do machismo é o que non se verbaliza. O insulto pola rúa é obvio e pódese desactivar facilmente pero o perigoso é cando non se di e está presente.

Non lle sorprende que sigan pasando episodios de acoso de profesores a alumnas en escolas ou con actrices en compañías ou rodaxes?

É terrible que haxa casos deste tipo sexan alumnas e alumnos. Aí hai un abuso de poder. Ten que haber un cambio xeracional.

Tempo atrás cheguei a escoitar a xente que desdeñaba o teatro en galego simplemente por ser galego. O apoio do CDN cos proxectos con compañías da terra pode axudar a cambiar esta mentalidade?

Estou convencida de que xa cambiou porque é unha barabaridade. A calidade artística está fóra de calquera dúbida. No teatro galego hai propostas artísticas sólidas e envexables. Aquí, no CDN tamén apoiamos as funcións en galego, euskera ou catalán —alomenos dúas— cando veñen compañías de Galicia, Euskadi e Cataluña e iso vai desmontando prexuízos. O que necesita o teatro galego é un apoio máis claro, unha concienciación do importante que é para un país.

Compartir el artículo

stats