La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Barreiro: o profesor que ensinou a amar Galicia

Cando se cumpre un ano da morte do historiador, Ramón Villares, Ana Romero Masiá e Emilio Grandío recordan a sua figura

Xosé Ramón Barreiro Fernández. | // XOSÉ CASTRO / REAL ACADEMIA GALEGA

Cando Xosé Ramón Barreiro Fernández entraba nas aulas, os alumnos viaxaban con el na máquina do tempo para aprender a amar Galicia. Na memoria das Facultades de Historia e Xornalismo de Compostela, a figura do profesor aparece como un tótem. Naquelas clases dos anos 80 e 90, impresionaba pola súa altura física e intelectual. E como recorda o historiador Emilio Grandío, que foi alumno seu, Barreiro cautivaba a calquera auditorio “pola súa imponente figura e polo ben que comunicaba, era honesto e directo”. Cúmprese hoxe o primeiro ano da morte deste profesor universitario, académico e “referente do estudo da historia da vida política, cultural e institucional de Galicia”, como destaca a Real Academia Gallega que lle adica unha homenaxe coa colaboración do concello da Coruña. Alí estarán compañeiros e discípulos como Ramón Villares, Ana Romero Masiá e Grandío, que xa axudan a recordalo nesta reportaxe.

Nacido en Ribeira en 1936, a gran capacidade oratoria de Barreiro procedía en parte da súa formación e experiencia eclesiástica. Segundo rememora Ramón Villares, catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, “formouse na Universidade Gregoriana de Roma, exerceu como sacerdote en Santiago e tiña unha carreira eclesiástica brillante pero desde finais dos 60 decidiu vivir outra vida”. Decidiu entón estudar Historia, ao mesmo tempo que continuaba “dando misas en galego ás que asistía moita xente”. Esa capacidade docente sería trasladada desde a vida sacerdotal á universitaria.

Xa secularizado, o Xosé Ramón Barreiro Fernández historiador rescatou especialmente a Galicia do século XIX: desde a Revolución Galega de 1846 (Mártires de Carral) á incidencia da Guerra da Independencia, o galeguismo de Manuel Murguía, ou as eternas loitas entre absolutistas e liberais. En todo este universo entrou Barreiro de golpe, e foi o primeiro.

A Real Academia Galega, comandada por Víctor Freixanes, destaca que el tamén presidiu esta institución “cun período de renovación marcado polo comezo dos traballos de dixitalización dos fondos, a redacción dos novos estatutos e a celebración do centenario, así como a revisión dos acordos normativos da lingua galega”. Nos actos de hoxe participarán, ademáis dos citados, Pegerto Saavedra e Xosé Ramón Rodríguez Lago.A primeira conferencia correrá a cargo de Villares, que na conversa con este diario xa o recorda como “un dos máis brillantes oradores que coñecín na miña vida, cunha gran capacidade para divulgar coñecementos e para a arte da elocuencia”.

Insiste Ramón Villares en que “o obxectivo da vida de Barreiro era entender a historia de Galicia e tamén transformar a súa sociedade, a súa obra foi moi extensa e concentrada sobre a evolución da sociedade, a política e a economía galegas”. Entre os seus libros, Ana Romero Masiá destaca que escribiu por primeira vez unha monografía sobre unha cidade galega: Historia da cidade da Coruña. “É o cumio da investigación sobre esta cidade, unha obra insuperable ao tratarse dun só autor e que abriu camiños a moitos compañeiros”, asegura Romero Masiá. A sua publicación coa editorial Vía Láctea “foi precursora para que outros investigadores, moitos alumnos del, escribisen as historias do resto das cidades galegas”.

A historiadora e profesora celebra de Barreiro a súa “capacidade divulgativa, na maioría das casas de A Coruña teñen o seu libro da cidade”. A súa discipula engade que “era un orador insuperable, con ideas ben organizadas que se adaptaban a cada auditorio”.

Un gran bibliófilo

Outro dos seus alumnos foi o historiador Emilio Grandío, que recorda “unha capacidade de comunicación só comparable coa de Otero Pedrayo”. No plano académico, destaca que “foi o maior creador de liñas de investigación na historia contemporánea galega, e tamén o gran creador da identidade galega coa conclusión de que Galicia son as súas xentes”. Gran bibliófilo especializado en prensa, “estaba destinado a ser da élite da Igrexa pero foi tremendamente crítico con ela ata o punto de deixala”. Nos anos 80, “naceu na Coruña unha gran camada de historiadores” grazas a este profesor e as súas clases na USC. Como indica Emilio Grandío, “Barreiro foi o primeiro que nos ensinou a amar Galicia”.

Cunha figura poliédrica, indican os seus propios colegas, Barreiro Fernández tamén dirixiu a Casa -Museo Emilia Pardo Bazán, abriu unha liña de investigación sobre a escritora coruñesa, creou a revista de estudos La Tribuna sobre esta autora e promoveu a celebración de varios congresos.

Espíritu chegado do Concilio Vaticano II

Do seu pasado como sacerdote non falaba moito segundo os seus compañeiros, pero Villares apunta que participou no grupo que quixo reformar o seminario de Santiago “e tivo enfrontamentos coas autoridades eclesiásticas e co cardenal Quiroga Palacios”. Asistiu en primeira persoa ao Concilio Vaticano II e loitou pola liturxia en galego, ao contrario que outros sacerdotes.

A colaboración do concello da Coruña nos actos que organiza hoxe a Real Academia Galega obedece a que nesta cidade viviu Xosé Ramón Barreiro desde a década dos 80. Na apertura institucional participarán tamén o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; xa que alí o homenaxeado foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia. Ademáis intervirá o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé M. Núñez Seixas, pois no seu plenario formou parte Barreiro como persoeiro de prestixio durante tres décadas.

Como compañeiro no Departamento de Historia Contemporánea da USC, Villares trazará o seu perfil biográfico. E os discípulos Rodríguez Lago, Romero Masiá e Grandío Seoane intervirán nunha mesa coodinada por Pegerto Saavedra, con aspectos como a historia eclesiástica.

A primeira vez que Grandío viu ao seu profesor foi na televisión, no programa La Clave. Entre o fume da pipa de Balbín aparecía Barreiro Fernández: “Ver a Barreiro era como ver a Galicia, polo seu físico, por como falaba e polo cariño que amosaba coas súas xentes”.

Compartir el artículo

stats