La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xosé A. Touriñán Actor e cómico

“Con ‘Fariña’ abríronse camiños nos que o teatro galego creo que non estivo”

“É unha historia que non é moi bonita, pero que hai que contar”

Xosé A. Touriñán. | // AIGI BOGA

Sentimentos a flor de pel nunha butaca do teatro. Risos, pero tamén bágoas. Angustia. Festa e drama. A mistura perfecta que fai Fariña, a obra teatral que nace da obra de Nacho Carretero. A historia do narcotráfico galego en Galicia nas últimas décadas do século pasado volve ao teatro Colón da Coruña (este venres, sábado e o domingo en dobre función) con Xosé A. Touriñán, Marta Lado, Sergio Zearreta, César Goldi e Graciela Carlos. O actor e cómico falaba de vertixe hai tres anos. Agora, Fariña é só éxito. O final da viaxe, quizais, está preto.

Volve Fariña ao teatro Colón da Coruña despois de tres anos e moitas funcións. É xa máis que un libro ou unha serie?

Home, eu creo que si. Non sei aínda se farán máis cousas. Tamén hai un cómic. A verdade é que Nacho Carretero atopou un lugar de onde xerar, como di el, cultura popular. É a realidade, son as cousas que nos pasan e nos rodean. Neste caso é unha historia que non é moi bonita, pero que tamén hai que contar. Hai que pararse a analizala para facernos mellores. Esa é a clave.

Como foi evolucionando a obra desde 2019?

A verdade é que o percorrido estivo moi marcado pola situación da pandemia. A xira en Galicia a finais do 2019 foi fantástica, enchendo en todos os lugares, pero chegou a pandemia e meteunos na casa. Tivemos a sorte despois daquel verán de ir a Madrid, ao Matadero, de que gustou alí e puidemos quedar nos teatros de Gran Vía, e alí estivemos cinco meses. Agora levamos case un ano xirando por toda España. E podemos volver a Galicia. Sempre estaba pendente esta volta, era imposible con capacidades do 30%. Aínda non chegamos á normalidade total, porque aínda hai moito respecto, pero temos a sorte de podermos dar outra voltiña por Galicia. Supoño que nunha etapa final de Fariña. Non sei se este 2022 será o ano da despedida da Fariña teatral. Non sei ata cando durará a viaxe, xa son tres anos. É fermoso porque se abriron moitos camiños nos que o teatro galego creo que non estivo. Estamos moi orgullosos e moi felices.

É unha historia moi vinculada a Galicia, como é a resposta do público de fóra?

A acollida foi sempre moi boa. Pode ser que sexa unha historia de lonxe, pero ademais do narcotráfico, hai esa historia do xogo das drogas, porque na Fariña teatral o protagonista é a sociedade, aínda que é a sociedade galega, pero creo que xente de moitos lugares se ve representada. Este veleno, esta lacra, pasou por moitas cidades e tocoulle a moita xente de moitos lugares. Son xeracións de mozos e mozas aos que lles tocou vivir isto de primeira man, moita xente que non está, todo dios temos amigos ou amigas que estiveron no medio desta historia fea. A verdade é que en Galicia todo é máis próximo, podemos darlle outras lecturas a certas cousas que ao mellor unha persoa de Madrid ou de Murcia non, pero funciona perfectamente.

O teatro sente o subidón en determinadas escenas, como se consegue iso?

É o que pretendemos sempre, crear sensacións no espectador, facer un certo paralelismo da viaxe da propia droga e da propia historia do narcotráfico e do contrabando. Toda esa felicidade de cando todo dios gañaba cartos, aínda que fose dun xeito ilegal. Non só os contrabandistas, tamén o do restaurante, o da perruquería. Había diñeiro e todo o mundo era feliz, o gran problema vén cando empezan a morrer rapaces e rapazas dunha xeración e a cousa ponse fea e triste. Chega o drama e tamén a resaca, porque despois de toda festa, hai unha resaca e canto máis grande é a festa, maior é a resaca. Pretendiamos que esa viaxe a fixera tamén o espectador con nós. E como se consegue? Pois non sei. Probando, probando, ensaiando, probando e facendo moitas funcións para dar coa tecla. Cremos que o conseguimos.

É un capítulo escuro, pero ten a súa parte de comedia.

Sempre. Porque tamén hai comedia na historia real. Normalmente cando hai diñeiro, hai festa, hai excesos e hai moita risa e moita comedia. Podes facer moitas coñas e moitas grazas. O problema vén cando aparece a parte negra, esa parte escura da historia. Por iso o público fai unha viaxe pola comedia e aos cinco minutos está co corazón apretado ou case caendo unha bágoa. O bo do teatro e todas as artes escénicas é que, con estas historias, podemos facer que o público teña esas sensacións e que goce. Tamén para distraerte e esquecerte do que estamos pasando.

E hoxe ten unha charla con psicólogos para falar do tema das adiccións. Como pai, ten medo ou preocupación por esa obsesión coas novas tecnoloxías?

Totalmente. Xa intentamos facer esas charlas na primeira volta de Fariña e non saíu, porque necesitabamos o apoio das institucións. Eu como produtor disto tiña moi claro que á parte do éxito e do movemento de público de Fariña, tiñamos que aproveitalo para poñer o noso gran de area na sociedade. Que a lección sirva para algo. Esta charla é sobre as drogas, que a mocidade comeza a consumir, pero tamén das apostas, os problemas das redes sociais, o acoso. Iso tamén é unha droga, estamos enganchados ao móbil e ás tablets todo o santo día. Temos que ser conscientes do que nos está pasando e como podemos amañalo e botarlles unha man a eses rapaces.

Compartir el artículo

stats