Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936-A Coruña 2021) non era un home de homenaxes. Así o recoñecen os propios compañeiros e discípulos que onte o recordaban, nos actos da Real Academia Galega. Pero a súa figura tiña tantas facetas como un diamante: sacerdote, antifranquista, historiador, orador, profesor universitario... E seguramente se amosaría contento desde a súa elevada estatura —física e moral— ante as lembranzas dos amigos. Como indicou o historiador Emilio Grandío, que primeiro o desfrutou nas clases e despois foi colega de profesión, “a voz de Barreiro era un trono de Galicia que se che metía dentro”.

Pero a epifanía de Grandío con Barreiro Fernández chegou antes de ser alumno e profesor: “A primeira vez que o vin foi no programa La Clave, ti vías a Barreiro e tamén vías a Galicia, coa súa figura, a sua voz e o cariño polas xentes”. Por iso a homenaxe ao profesor non deixou de ser unha homenaxe a Galicia, ao igual que naquel relato onde George Orwell se despedía de Cataluña coas Brigadas Internacionais. Para o catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares —compañeiro, amigo e responsable da Sección de Historia da RAG—, “foi un historiador vocacional, cunha obra publicada de enorme erudición e calidade, e unha persoa esencial para a creación dos estudos da historia contemporánea de Galicia”.

Víctor Freixanes, presidente dunha Real Academia Galega que no seu día tamén comandou Barreiro, destacou que esta institución “beneficiouse da súa dedicación, e como historiador marcou un fito de extraordinaria relevancia na construción da identidade da nación, unha visión nova e moderna da Galicia histórica e da Galicia do presente”. Polo primeiro cabodano de Barreiro, que marcou como profesor a xeracións das Facultades de Historia e Xornalismo na USC, a RAG quixo homenaxear ao que foi o seu presidente entre 2001 e 2009. A xornada contou coa colaboración do concello da Coruña, cidade na que viviu o finado desde a década dos 80 xunto coa súa dona e o seu fillo.

Precisamente, el escribiu a primeira historia dunha urbe galega: aquela Historia da cidade da Coruña. Segundo a historiadora e profesora Ana Romero Masiá, aquela obra “aínda non foi hoxe superada, e podemos atopala na maioría das casas coruñesas”. Emilio Grandío tamén quixo destacar a súa capacidade de oratoria: “Era capaz non só de falar ante calquera auditorio senón de convencer a calquera auditorio, sabía ler moi ben ante quen estaba”. E José Ramón Rodríguez Lago destacou que “foi un dos líderes da renovación eclesiástica que coincide coa loita contra o franquismo e a galeguización da Igrexa”. Formado na Universidade Gregoriana de Roma, doutorado en Dereito Canónico en 1965, exerceu como sacerdote en Santiago e viviu en primeira persoa o Concilio Vaticano II. Pero a finais dos 60 decidiu cambiar de vida, empezou a estudar Historia e acabou secularizándose na década dos 70.

Coa música da violonchelista Margarida Mariño, a RAG profundizou na figura poliédrica de Barreiro: profesor, historiador, académico, “bibliófilo erudito, orador brillante e impulsor dunha nova etapa de renovación desta Real Academia”. Segundo recordou Freixanes, “coa súa etapa primeiro como tesoreiro e despois como presidente afrontouse un profundo proceso de modernización, actualización de recursos e programas de traballo”.

En 1974, Barreiro licenciouse en Filosofía e Letras na Sección de Historia cunha tese sobre o reformismo universitario de Fernando VI “que defendeu nunha aula magna chea de xente”, rememora o académico Pegerto Saavedra. Co tempo abordaría a Guerra da Independencia, o carlismo galego, a pegada de Manuel Murguía... sempre especializado no século XIX. E xa a súa tese de doutoramento en 1979 amosaba que clase de historiador quería ser: foi adicada ao campesiñado galego.