La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Poesía e alzhéimer na Coruña

Versos fronte ao esquecemento: lectura poética sobre alzhéimer na Coruña

Os poetas Baldo Ramos e Clara Vidal compartirán esta tarde un encontro literario na sede da Fundación Barrié con afectados de alzhéimer e as súas familias: “A enfermidade borra a memoria, non os sentimentos”

Unha muller, durante unha terapia no centro de día para enfermos de alzhéimer de A Coruña. | // AFACO

“No esquenzo todos somos iguais / alí cada nome foi borrado minuciosamente / para que recoñecerse non sexa / un acto de cobardía”. En Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018), o poeta e artista plástico Baldo Ramos tece “unha pequena historia de ficción” protagonizada por un pai diagnosticado de alzhéimer a unha idade temperá, “consciente, por tanto, da súa perda de memoria”. O autor reproduce unha sorte de correspondencia que o proxenitor mantén cos seus dous fillos, “cartas nas que lembran momentos que compartiron, a felicidade do pasado”, sendo conscientes de que “o futuro que lles espera vai ser un tempo triste, doloroso e moi duro”. Un diálogo “puramente literario, ficticio”, mais inspirado na propia experiencia, neste caso, coa súa avoa Modesta, afectada de demencia e falecida hai uns anos, “con máis de 90”. “Tiñamos moi boa relación, e do acontecido ao seu lado collín ideas para este libro”, sinala.

O poeta e artista plástico Baldo Ramos. | // CEDIDA

A (des)memoria dunha avoa tamén é o pano de fondo do segundo poemario de Clara Vidal (Medulia, 2021), publicado baixo ese mesmo título e concibido como un “acompañamento”, unha “terapia do ámbito da vida, neste caso, literario”. Versos xurdidos de “cousas” que a autora coruñesa “ía escribindo” durante as visitas a Paca, a piques de cumprir 93 anos, afectada tamén de demencia e que vive nunha residencia. “Antes do COVID, cando estaba permitido, visitábaa a diario. A nosa relación é tan estreita que era a única que realmente se comunicaba con ela e entendíaa cando empezou a perder a palabra con sentido. E aínda o son a día de hoxe. Comprendo que quere, que lle falta, que lle molesta, se lle doe algo, se ten fame ou sede... A (des)memoria nútrese de experiencias compartidas durante eses encontros, e mesmo recolle palabras textuais da miña avoa. Dunha frase que ela me dixo nunha desas visitas, “os cristais choran”, saíu un videopoema. Sempre digo que os poetas son os anciáns e os nenos”.

Os versos de Baldo Ramos e Clara Vidal soarán xuntos esta tarde (18.00 horas) nun encontro literario organizado pola asociación coruñesa AFACO na sede da Fundación Barrié

decoration

A memoria esquecida de Modesta e Paca revive, en certo modo, a través dos versos dos seus netos, que esta tarde soarán xuntos nun encontro literario moi especial, organizado pola Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña (Afaco) na sede da Fundación Barrié (18.00 horas). Acompañados por Carmen Martínez Pulleiro, presidenta da entidade, Baldo Ramos e Clara Vidal compartirán poemas, e experiencias, con pacientes, familiares e público en xeral. Fixérono fai un par de semanas en Compostela, nunha cita planificada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer (Agadea) nunha sala onde os propios pacientes fan as terapias, e a experiencia resultou do máis gratificante.

“O acto foi moi entrañable. Dúas mulleres con alzhéimer leron poemas, houbo moita sintonía co público e os organizadores e sentímonos moi a gusto. A literatura non sempre atende a este colectivo, moitas veces mírase para outro lado. Que uns poetas levasen os seus versos ao lugar onde eles traballan, no seu día a día, coa súa enfermidade, fíxolles sentirse moi agradecidos”, sinala Ramos, ao que Vidal engade: “Foi moi emotivo, porque non sabiamos que ían intervir pacientes con alzhéimer, pillounos por sorpresa. Unha das mulleres empezou a ler fatal co apoio dunha auxiliar do centro, con todo, para a lectura do segundo poema achegouse o seu marido, púxose ao seu lado de xeonllos e a señora leu perfectamente. Sen axuda, só téndoo a el ao seu lado”.

A poetisa coruñesa Clara Vidal. | // CEDIDA

Ambos os autores defenden que o alzhéimer “borra a memoria, pero non os sentimentos” —tal e como declarou o ex presidente da Generalitat catalana Pasqual Maragall antes de que a enfermidade apagase os seus recordos—, e apoian esa afirmación nas súas propias vivencias. “No solpor da súa vida, a miña avoa Modesta perdera a memoria, e case a conciencia, pero consolábame saber que conservaba os sentimentos intactos, aínda que non puidese comunicalos. Estaba moi unida aos seus netos, e esperou a que chegásemos todos para marcharse. Permitiunos acompañala na súa última noite, e iso a min demóstrame que os enfermos de alzhéimer e outras demencias seguen tendo sentimentos e emocións, aínda que non os poidan manifestar ou compartir”, considera Ramos.

Considera Ramos que as familias dos enfermos de alzhéimer e outras demencias teñen que facer unha especie de camiño vital "á inversa”

decoration

Coinciden os dous tamén en que a perda de memoria é un proceso “cruel”, tanto para o afectado, como para os seus familiares. “Para quen o padece ten que ser horrible, sobre todo ao principio, cando son conscientes do que lles está pasando. E para as familias tamén é moi doloroso e cruel ver que esa persoa á que queres está aí, pero xa non a coñeces. É alguén completamente diferente. Como un bebé”, apunta Clara Vidal.

"Para as familias é moi doloroso e cruel ver que esa persoa á que queres está aí, pero xa non a coñeces. É alguén completamente diferente", refire Vidal

decoration

Nese punto, Baldo Ramos considera que as familias dos enfermos de alzhéimer e outras demencias teñen que facer unha especie de “camiño á inversa”. “Volver case aos tempos en que un criou aos seus fillos, cando son pequeniños. Un bebé non ten a capacidade para comunicarse dunha forma complexa con quen lle está dando agarimo, pero si pode demostralo a través dunha mirada, un xesto, ás veces un rozamento inconsciente… Non sei se é unha forma de consolo, pero para min os enfermos con alzhéimer avanzado son como bebés aos que non lles podes pedir o que non che poden dar, pero si che están agradecendo dalgunha maneira porque, ao final, é o ciclo da vida”, conclúe.

Compartir el artículo

stats