Polo Día da Poesía, a Real Academia Galega rendiu este venres unha homenaxe a Bernardino Graña nun acto celebrado no auditorio de Nigrán. Á celebración asistiron poetas, amistades e lectores “dunha obra marcada fondamente pola pegada mariña”. Segundo a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, “como un mascato, Bernardino Graña érguese sobre o mar para o cantar.... é a voz do mar, das ondas, carromeiros, baleas e candorcas, máis tamén, ao navegar sachando na súa historia que é a nosa, é a voz dos mariñeiros que falan a través da súa gorxa”.

Os versos de Graña foron recitados polos académicos Ramón Lorenzo e Fina Casalderrey, ademáis de Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta e Elvira Ribeiro, entre outros.

A laudatio de Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) correu a cargo do académico Xesús Alonso Montero, compañeiro de pupitre no ano 1943: “Foi un creador de musa plural que vai do existencialismo inicial á poesía civil”.