La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Blanca Millán Debuxante, pintora e ilustradora

“Convertín ‘O Maio’ de Curros nun álbum con cores laranxas e vermellas da miña aldea”

“O poema é festivo pero social, e quixen levalo a unha Galicia de montes queimados”

Blanca Millán le o seu ‘O Maio’ (Editorial Galaxia), no xardín da súa casa en Boqueixón. | // LA OPINIÓN

Tempo de limóns nas hortas galegas. Lilas, laranxas e vermellos baixan por Boqueixón. E os cantos dos paxaros acompañan a entrevista desde a casa de Blanca Millán. Mesmo parece que chega o aroma do xardín a través do teléfono. Quedan 40 días para recibir o mes con que se bautizou un dos poemas máis famosos de Galicia. Pero no fogar da ilustradora xa frorece a súa vistosa versión de O Maio de Curros Enríquez (Editorial Galaxia) en forma de álbum ilustrado.

Atopámonos cun dos primeiros clásicos da literatura galega reconvertido en álbum ilustrado para o público infantil?

Dos clásicos da literatura galega había álbumes de Rosalía de Castro. Non é algo habitual que recuperemos estes versos para os nenos dun xeito ilustrado, é un proxecto moi bonito.

Desde primeiro verso, O Maio chama á primavera con ese Aí vén o maio de frores cuberto ...

Pero é unha contraposición entre a primavera que chega con esperanza e o narrador que non quere recibila porque vive unha situación complicada. O Maio chega acompañado de neniños que lle farán ver a esta persoa maior que hai moitas cousas bonitas na vida.

Para vostede sería unha ledicia plasmar semellante poema en ilustracións.

Trátase dun proxecto persoal. Pensaba nel desde hai tres anos pero nunca tiña tempo, dixen na Editorial Galaxia que quería facelo e atopei o punto de partida.

E por que elexiu O Maio?

Porque me apetecía recuperar a literatura desta tradición da primavera, que se vive máis nas provincias de Pontevedra e Ourense onde mesmo se traballa nos colexios. Non había moito material sobre el e parecíame unha ferramenta útil para un álbum ilustrado. Curros Enríquez é un dos máximos representantes das nosas letras, xunto con Rosalía, e este poema era moi acertado para os nenos.

E como é o seu Maio?

O meu Maio é a aldea. Non é tanto a creación dos nenos como unha árbore con decoración de frores, senón o proceso de recollida co que eles atopan nesa aldea: laranxas e frores que concentran nunha festa. Convertín O Maio de Curros Enríquez nun álbum ilustrado coas cores laranxas e vermellas da miña aldea en Boqueixón, cerca de Santiago.

O seu libro fala entón da viaxe, non da chegada.

Fala do proceso de creación, do camiño e non da meta: debuxo a eses nenos que van a buscar ao narrador e recollen frores para levar á festa.

Tamén o poema ten unha gran crítica social.

Metín por un lado a vida dun home que vive só xunto aos montes queimados, con casas á venda e nunha terra deserta: un home triste que padece os problemas dos nosos días. Pero os nenos amosan a chegada da vida e da primavera, enchen a casa dese home de frores para lembrar que sempre hai esperanza, para que non morra na súa casa senón que saia a buscar solucións.

Enche de cores a Galicia baleira.

Na miña aldea no concello de Boqueixón hai moita casa abandonada, con explotacións que non lle fan ben. Quixen reflectir as carencias. Porque O Maio é un poema festivo e social, que eu trasladei a unha Galicia de montes queimados.

“Os meus mellores críticos son os nenos, sempre lle pregunto ao meu fillo maior se entende os debuxos”

A súa versión de O Maio sitúase en paisaxes colonizadas. Xa non hai os problemas das propiedades cos cregos, pero si propiedades privadas que nos arrancan as nosas terras —eólicos—. Fago unha crítica da situación actual. Na entrevista escoitamos paxaros de fondo. A súa paisaxe serviralle de inspiración. Da paisaxe que me rodea inspíranme os montes e as casiñas, os xardíns... e así o represento no libro. Partiu para este libro das festas da súa infancia, aínda que na súa zona non existise tanta tradición dos Maios? Na miña infancia tíñamos outras festas como as romarías do verán, das que recupero ese espíritu para as ilustracións. No concello tamén temos a tradición dos Xenerais da Ulla, que se están retomando e moi presentes nos coles. Ter peques na casa axuda tamén na inspiración? Empecei a debuxar libros hai oito anos cando quedei embarazada do meu primeiro fillo—Blanca Millán ten tamén unha nena pequeniña—. E os nenos son os meus mellores críticos á hora de traballar. Gústame moito preguntarlles, sobre todo ao meu fillo maior, si entenden o que estou facendo. No álbum, a narración visual é tan importante como o texto. E si un neno entende as imaxes, seguimos adiante. A que outras ilustradoras fai seguemento? Gústanme moito españolas como Mariona Cabassa que gañou o Premio Compostela. E a nivel internacional, Anna Walker e Beatrice Alemagna. Vostede estudou Belas Artes e despois o Mestrado de Libro Ilustrado. Xa debuxaba moito desde moi nena? Quería tanto debuxar que con oito anos me apuntaron nunha academia e xa non parei. Elexín o libro ilustrado porque é un mundo máis aberto e democrático que a arte no museo, que ten un carácter máis elitista. Co libro ilustrado chegas a todo o mundo.

“O meu estilo como debuxante é alegre e infantil”

Que sensación tivo cando viu o seu primeiro libro nun escaparate? Aínda a teño agora. Sobre todo cando chega a caixa do libro impreso á miña casa. O Maio chegoume onte e foi todo o día unha festa. É moi emocionante e un recoñecemento. Escribín ao meu marido para dicirlle que quedara precioso, e agradecín a Galaxia esta oportunidade. Cada libro é unha evolución? Si que vas evolucionando, vas comendo do traballo anterior, cambiando e machacando, probando cousas novas. Como é o estilo de Blanca Millán? É un estilo alegre e infantil, que chama a atención. Nunca perdo de vista a idea de que os libros deben contentar ao público infantil, e para iso é importante traballar con cores e personaxes. Fixen proxectos persoais para adultos pero non funcionarion, é máis difícil atopar un lector e ter cabida no mercado. Ao final isto é a miña profesión, vivo da ilustración e gústame máis o libro infantil. Cales son as súas cores? Vou variando as paletas de cores segundo cada libro. Tomo fotos do entorno para as paisaxes e para sacar esas paletas. Desde cores pasteis a tonos máis vivos. Para O Maio recreo o entorno da miña aldea: verdes, laranxas, vermellos, fores silvestres, as cores da primavera. Teño un xardín moi grande, traballo desde a casa e teño esas cores a man. E sempre deixo a portada para o final. Ten algún soño de recrear certo libro de forma ilustrada? Soño con recrear un poema de crítica social de Rosalía, teño que repasar a súa bibliografía. E en que proxectos traballa agora? Preparo a Primavera das Letras coa Real Academia Galega. En canto a exposicións, participei na de ilustradoras galegas do Salón do Libro.

Compartir el artículo

stats