La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Tempo de cereixas na lírica galega

Chuvia de poemas polas prazas, teatros, colexios e bibliotecas no Día da Poesía

Insua dos poetas co conselleiro de Cultura. Xunta

Cun golpe de luz xa chegou por fin a primavera. E en forma de versos asoman os primeiros froitos da desexada estación. Anuncias o reino da vida, o soño doutra vida, máis intensa e máis libre, escribía Gil de Biedma no seu Himno a la juventud. Baixo o sol do 21 de marzo, Galicia celebraba onte o Día Mundial da Poesía. Nos teatros e bibliotecas, en escolas e prazas, na intimidade dos parques... Cada esquina convertiuse nun auditorio para a consagración da palabra, tal e como reclama a Unesco desde 1999. Nun tempo de cereixas para a lírica galega.

Pola cidade da Coruña sucedéronse os actos culturais: desde a inauguración do Primaletras que durará dous meses organizado polo concello, ata a celebración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Esta entidade realizou un recitado ante o Teatro Rosalía de Castro “polas paisaxes sonoras” de Rosalía de Castro, Luz Pozo, Luisa Villalta, Pilar Palarés e Nulia Vil. Con selección musical de Saya Mohamed, escoitáronse versos como estes de Villalta: E o meio do camiño será un verso como todos os camiños que comezan e proseguen. Porque un verso non é máis que o que se quebra e continúa, que se escapa e fica e segue, e articula o ritmo escuro do sentido e anda só, e para, e anoitece.

AGRUPACIÓN ALEXANDRE BÓVEDA Paseo polas paisaxes sonoras da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ante o teatro Rosalía.

A Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega colaborou na anterior actividade, e tamén lanzou o lema Autoras pola paz e contra a violencia “a través de calquera forma de creación e divulgación literaria ou artística en galego”. Ditas pezas se difundiron e etiquetaron polas redes sociais, como as de Marta Dacosta: NUNCA IMAXINARA que o teu nome, Lesbos tería o sabor dos cristais esnaquizados o espesor do sangue, que nunca sacia a sede malia que coma fonte abrolle.

E tamén no Teatro Colón celebrouse este Día Internacional da Poesía co proxecto “poético sonoro performático” Máis Alálá, que parte de 19 poemas do libro De catro en catro de Manoel Antonio. O músico galaicocubano Alejandro Vargas e o escritor anglogalego Xelís de Toro abordaron unha peza que recrea o manifesto literario Máis Alá —de Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro en 1922—. Nun curioso experimento, un programa informático transformou os poemas primeiro en números e despois en notas musicais: Na man do Mar esquencidizo, os loceiros peteiran a bicada. A estrela dos cabarets cun cigarro nos beizos pide lume aos catro puntos cardinaes. Pola Galaxia chea de seixos un astro vello vai co seu farol...

Tamén por Santiago de Compostela, o Día Mundial da Poesía tivo o seu manifesto na cuarta xornada do Festival Alguén que respira! Coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a iniciativa partiu da Concellería de Acción Cultural de Santiago de Compostela con lectura a cargo de Antón Reixa. Editoriais como Galaxia tamén apoian distintas accións, como a apertura hoxe do prazo para anotarse no Obradoiro de Poesía da súa Escola de Letras —a cargo de Galaxia e da Deputación de Pontevedra—. Colaborará o poeta Antonio García Teijeiro.

Xa o venres, a Real Academia Galega adiantouse á celebración do Día Mundial da Poesía coa homenaxe a Bernardino Graña: cos seus versos de auga salgada tan presente en títulos como Profecía do mar (1966), Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980) ou Sen sombra e sen amor (2004). Con letras como as seguintes: Como horribles fantasmas aparecen dende o fondo, xurdindo, nos sorríos, estrañas ardentías e navíos e tristes afogados que amolecen.

E na Insua dos Poetas, parque das letras no Carballiño, o conselleiro de Cultura destacou a Florencio Delgado Gurriarán como “poeta senlleiro na longa tradición literaria galega”. Segundo Román Rodríguez, Delgado Gurriarán “entendeu a importancia da poesía como un instrumento de democratización das voces populares e, ao mesmo tempo, como unha salvagarda da memoria común de todo o pobo galego”. Como aquel poema polo asasinato de Alexandre Bóveda: Morte fera, morte moura, trunfo da negrura mesta: ¡teu cortexo de borreiros tróuxonos a noite preta!

Inicio da Primavera das Letras

Coa organización da Real Academia Galega e da Deputación da Coruña, a Primavera das Letras iníciase este martes. O proxecto ofrece cada ano actividades interactivas e fichas descargables sobre a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas, para que se desenvolvan no ámbito educativo. O homenaxeado este ano polas Letras Galegas é Florencio Delgado Gurriarán. Nacido en Córgomo (Ourense) en 1903, ingresou no Partido Galeguista en 1933 e despois da Guerra Civil marchou ao exilio. Morreu en 1987 en Estados Unidos, tras case medio século de vida en México. Deixou obras sumamente comprometidas como Bebedeira e Galicia Infinda.

Compartir el artículo

stats