La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

‘Malencolía’: divertimento de terror galego

O cineasta Alfonso Zarauza estrea o seu filme en todos os cines

O director Alfonso Zarauza na rodaxe. Malencolía / Mario Llorca

Da Alexanderplatz coa torre de televisión iluminando Berlín en multicolor... ata un rural galego sempre disposto para a Santa Compaña. Por este camiño transita a última película de Alfonso Zarauza: Malencolía, auténtico divertimento de terror celta. A obra estrearase este xoves nos tres cines da Coruña, e despois levarase o venres a practicamente todas as salas da comunidade autónoma: 24 cinemas de 17 localidades. Semellante desembarco ten moi contento a Zarauza: “Hai inquietude pero non nervos, estamos moi alegres cunha saída con tantas copias xa que chegaremos a todos os cines da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol...”. E afirma a este diario que “nunca me pasou con outras películas, estamos en plena época competitiva cos Oscar e os Goya e que cheguemos a todas partes amosa o éxito que ten o cinema galego”.

Melania Cruz e Xúlio Abonjo, inmersos na espiral de gore e certos toques de comedia nesta 'Malencolía'. // MALENCOLÍA / M. LLORCA

Como xa fixo en Ons, Zarauza volve a acompañar a unha parella nas súas inquedanzas. Pero nesta ocasión impera a mistura de xéneros: terror con raíces tanto na tradición oral galega como no slasher norteamericano, toques de comedia... “De Ons estaba moi orgulloso porque foi unha rodaxe moi intensa nesta illa con cofinanciación internacional, foi duro, máxico, épico, bonito”, recorda o cineasta. Pero agora presenta “un divertimento máis amable para o espectador, que aporta humor pero toca temas que sempre me interesan como o mundo da parella”.

Protagonizada por Melania Cruz e Xúlio Abonjo, a longametraxe chega cos premios Mestre Mateo a Mellores Actriz e Actor Secundarios para Iolanda Muíños e Diego Anidos. E terá pase especial nos Cantones Cines este xoves co director e os actores, pero tamén con entrada libre do público. Producida por Maruxiña Film Company, co apoio da TVG, o título da película xa é un xogo de palabras sobre a idiosincrasia galega: “Malencolía mistura mal e melancolía, pero tamén é unha palabra en desuso do galego que aparece no poema Unha noite na eira do trigo de Curros Enríquez... aporta unha connotación de algo anticuado para cousas que pasan na peli”.

Na edición do ano pasado, Alfonso Zarauza arrasou nos Mestre Mateo con Ons. Na gala da pasada fin de semana, Malencolía tamén tiña as nominacións máis importantes: “Contábamos cun gran elenco de actores, ao final gañamos na categoría de secundarios... tíñamos o hándicap de que competíamos antes da estrea e nos faltaba o boca a boca, pero tamén estábamos nunha terna con outras películas moi completas”.

O espírito emigrante dos galegos é o detonante desta película, adaptada “á realidade actual dos universitarios que van a cidades importantes e despois queren volver, e teñen que facer uso de moita imaxinación para adaptar os seus traballos á economía do noso país”. Malencolía aborda ese regreso “a un rural idealizado, con eses arquetipos do urbanita que mira por enriba do ombreiro ao mundo rural... ata que chega a sorpresa”.Bebe nas tradicións orais do terror galego, “con esa Santa Compaña, os contos de medo da lareira”. Pero tamén se introducen elementos característicos dos slasher norteamericanos, cos códigos dos asasinos en serie. “E ao final quedou algo curioso, non é slasher, nin naturalismo do rural galego, nin comedia, nin unha peli sobre Berlín... pero si que é un pouco de todo”, conclúe Zarauza.

Berlín érguese como “exemplo de cidade moderna que mesmo superou a Londres na vangarda, coa súa música electrónica, o interesante movemento artístico”. E falando de galegos polo mundo, recúperase a figura imprescindible de George A.Romero con orixes no concello de Neda. Zarauza recoñece ao “gran inventor do mundo dos zombies, que procedían desa Santa Compaña”.

Películas como Ons poden verse en plataformas como Netflix: “Por un lado é un orgullo ter os teus filmes tan accesibles, pero por outro apena moito ver o fin do mundo tan bonito e máxico das salas”. De todos modos, Zarauza celebra o subidón do cine galego: “O noso audiovisual vive un momento marabilloso e esplenderoso, con gran calidade, con gran nivel actoral e comercial... hai que sacar peito polo Novo Cinema Galego e polo cine de xénero, polos éxitos de Dani de la Torre e Jorge Coira, hai 20 anos non tiñamos todo isto”.

Unha obra inmersa na realidade

Tanto éxito tivo Ons que chegou á Filmoteca de Montevideo. Zarauza quere sempre pescar na realidade galega. Por exemplo, a súa obra Os fenómenos xa tivo a redacción do guión no 2010 co contexto da crise do ladrillo: “Parecíame frívolo falar doutras cousas”. No momento de Ons, Zarauza acababa de pasar “por varias rupturas sentimentais que me afectaron e sobre as que eu quería falar”. E na etapa de Malencolía, “apetecíame esta diversión, eu non elixo os meus temas senón que os temas veñen a min”. O equipo é 100% galego, ademais dos citados actores están Ledicia Sola, Ricardo de Barreiro, Tito Asorey, Deborah Vukusic, Marta Lado e X. A. Touriñán.

Compartir el artículo

stats