O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentou onte o proxecto A Primavera das Letras no colexio de Vilamartín de Valdeorras, o concello da comarca de Valdeorras onde naceu Florencio Delgado Gurriarán, a figura homenaxeada no día das Letras Galegas deste ano 2022. A Real Academia Galega presentou no centro Xosé Manuel Folla Respino, da man da súa comunidade educativa, unha nova andaina dun proxecto posto en marcha en 2016 para achegar a figura homenaxeada cada 17 de maio aos nenos e nenas de infantil e primaria. Entre outras novidades, a institución contará con escritoras e escritores de literatura infantil para lle dar a coñecer aos cativos a vida e obra da persoa protagonista do Día das Letras Galegas, tal e como explicou a directora do proxecto, a académica Fina Casalderrey. A escritora Ledicia Costas asina a biografía do poeta valdeorrés que xa está dispoñible na páxina web primaveradasletras.gal, á que lle pon cor coas súas creacións a ilustradora Blanca Millán.

A proposta seguirá ademais a ofrecer actividades interactivas e o concurso Contádenos o voso Día das Letras, e estreará proximamente unha nova sección para, alén da celebración do Día das Letras Galegas, ofrecer outros contidos divulgativos da lingua e da literatura galegas e favorecer o diálogo cos centros escolares.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Fina Casalderrey deron a coñecer a nova edición de Primavera das Letras nun acto no que tamén interviñeron o director do centro, José María González Cubelos; Priscila Núñez, en representación das familias do alumnado; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. Os protagonistas da xornada foron, porén, nenos e nenas da única escola deste concello do extremo oriental ourensán, que conta con vinte e cinco menores matriculados, varios deles veciños e veciñas de Córgomo, a parroquia onde naceu o homenaxeado. Parte do alumnado interpretou en directo a adaptación musical do poema Vente, ventiño do norte realizada polo mestre de música, Jaime Díaz Paradelo, e na páxina web do proxecto pode verse xa un vídeo no que participa boa parte do alumnado do colexio dramatizando e recitando outras composicións do poeta de Valdeorras.