As queixas por vulneración de dereitos lingüísticos no uso do galego duplicáronse en 2021 respecto ao ano anterior, segundo A Mesa pola Normalización Lingüística, que presentou, na sede da Deputación da Coruña, os resultados do informe correspondente ao seu servizo A Liña do Galego. Segundo recolle o citado informe, a entidade tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app de A Liña do Galego un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 consultas e 58 felicitacións. O ano anterior, foron 350 expedientes, deles 219 queixas e 20 consultas.

O Sergas, á cabeza

As administracións públicas e, principalmente o Servizo galego de Saúde (Sergas), acumulan o maior número de queixas tramitadas pola Mesa. Segundo o informe, a maioría delas derivan, á súa vez, da falta de atención oral e escritura en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas.