Petisco a petisco. Así vai avanzando o artista Xabier Díaz as pezas do seu novo disco en solitario, un Levantarse e caer que se estreará neste mes de abril. De momento, este xoves lanzaba o segundo sinxelo María e a Curuxa acompañado dun videoclip animado baixo o trazo de Iria Fafián. O cantante, compositor, pandereteiro e investigador da música tradicional galega presenta “un marabilloso videoclip, que dá vida ao particular bosque animado do arrolo da canción”, co traballo artesanal do stop motion.

En paralelo ao seu traballo xunto a Adufeiras de Salitre, o Levantarse e caer de Xabier Díaz profundiza “nos conceptos de resiliencia, os impactos sociais que recibimos como individuos na infancia e a súa importancia na posterior construción individual e colectiva”. Abórdanse así cuestións como o paradigma do éxito, nunha perspectiva intimista e coa ollada posta na infancia.

Xa o primeiro sinxelo homónimo de Levantarse e caer posicionouse entre as cancións en galego máis escoitadas en todas as plataformas. O segundo co nome de María e a Curuxa móvese como un “arrolo cheo de natureza, simboloxía e evocación, na que Díaz dá vida aos animais dun particular bosque”, segundo o equipo do artista. Explóranse así os sons dos arrolos tradicionais galegos e os xogos tradicionais.

Segundo a artista plástica Iria Fafián, autora do videoclip, “foi a oportunidade perfecta para desenvolver o meu universo artístico dunha maneira que nunca antes fixera, introducindo o pé no mundo da animación e o audiovisual mediante a técnica do stopmotion, con 24 fotografías cada segundo”.