La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Heredeiros da Crus: longa vida ao rock and roll

O quinteto de Ribeira cumpre xa 30 anos na música coa xira máis agardada do verán

Invasión bárbara na costa galega: Heredeiros da Crus cumpren xa 30 anos . S. Blanco

Nos anos 90, naqueles destartalados pisos estudiantís de Santiago de Compostela as cancións máis escoitadas partían dun vello radiocasete: Iscalle Lura, Quero Josar, Que jallo é... A noite universitaria non se movía a golpe dos Rolling Stones, senón dos Heredeiros da Crus: auténtico Pórtico da Gloria do blues rock galego, protagonistas dos posters daquel movemento do rock bravú... en fin, heroes dunha xeración. Aqueles rapaces de Ribeira que empezaron tocando nun galiñeiro cumpren xa 30 anos na música. E semellante celebración só pode ter a forma dunha xira estival, que xa empeza a ocupar datas no calendario.

Javi Maneiro, Antonio Novo Suárez, Tonhito de Poi, Francisco Velo e Manu Rey gravaron no pasado mes de novembro no Palexco de A Coruña un albúm acústico ou angústico segundo as súas verbas. E tamén promocionan o traballo Derretidos (dotbeat, 2019).Agora prometen a súa xira “máis memorable e máis forte”.

Invasión bárbara na costa galega: Heredeiros da Crus cumpren xa 30 anos . S. Blanco

Para o verán teñen programados os seguintes concertos: o 9 de xullo en A Guarda, o 20 de agosto no Entroido de Verán de Redondela, e o 27 de agosto na Festa das Dores de Forcarei —dentro do circuito Musigal da Deputación de Pontevedra—. O resto das datas están a punto de desvelarse ou en plena negociación, como indican eles mesmos nas redes sociais: “Xa somos treintañeros, e ímolo selebrar cun verán carjadiño de consiertos e sobre todo carjadísimo de moito rock’n roll! A jichar que se acaba o mundo!”.

Heredeiros confirman que levan dous anos “experimentando con formatos alternativos, propios do momento pandémico vivido ata agora, pero non tanto da natureza da banda”.

Os do Barbanza acumulan todas as experiencias dos rock stars: tocar ante 20.000 persoas en Castrelos, reinar naquela MTV galega chamada Xabarín Club, ou recibir unha pedrada nun concerto no ferrolán barrio de Caranza Tonhito de Poi foi atendido despois no hospital por un médico fan—. En definitiva, longa vida ao rock and roll.

Compartir el artículo

stats