La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Fernando F. Rego Escritor e autor de ‘Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo’

“Suso Vaamonde foi o primeiro punk da nosa música galega”

“Pola súa figura política conecta con Woody Guthrie, coa vinculación de terra e canción”

O profesor e escritor Fernando F.Rego amosa a biografía de Suso Vaamonde. Mateo Fernández Maroñas

As estrelas fugaces brilan co dobre de intensidade. Así aconteceu con Suso Vaamonde (Ponte Caldelas, 1950-Vigo, 2000): cantautor, recopilador da música de taberna, membro do colectivo Voces Ceibes, primeiro artista censurado na democracia... xenio e figura. O músico renace agora grazas á biografía Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo (Editorial Galaxia), do profesor e escritor Fernando F. Rego. A obra semella tan apaixonante como a propia vida do protagonista.

Tras o seu éxito coa biografía de Andrés Do Barro, recupera a Suso Vaamonde. Como chega ata el?

A música galega ten personaxes claves como Pucho Boedo, Andrés do Barro, Ana Kiro e Suso Vaamonde. Cada un merecería unha biografía. A de Andrés chegou á cuarta edición e continúa vendéndose moi ben desde 2015, porque son personaxes eternos. Suso encarna unha filosofía de cantante de esquerdas comprometido coa terra que se perdeu cunha época, onde había unha loita obreira ou un despido improcedente alí estaba el. En calquera manifestación contra a celulosa, ante calquera opresión collía a guitarra sen pedir nada a cambio. Actuou no concerto de solidariedade cos traballadores de Astano. Foi o artista que máis loitou pola poesía galega ata convertir os poemas en iconos pop (Manuel María, Celso Emilio Ferreiro que lle deu as grazas por carta, Méndez Ferrín). O primeiro en recuperar aos poetas de vangarda, dicía que tendo aos mellores poetas da terra non perdería o tempo escribindo. E foi o artista que máis se achegou aos nenos, con tres discos para eles.

Suso Vaamonde é un dos grandes referentes da música galega, pero tamén unha figura polémica.

Si que foi un dos grandes polemistas, unha persoa cuns ideais políticos moi marcados. Pero sempre se considerou apolítico no sentido de non estar vinculado a unhas siglas.

Vostede conecta a Vaamonde con Woody Guthrie.

Sempre tiramos por Víctor Jara, pero Vaamonde tamén conecta coa Chanson francesa. E a maior conexión para min é con Woody Guthrie, pola súa vinculación entre terra, idioma e canción. Os dous usaron a música como arma política, como o lema da guitarra de Guthrie: This machine kills fascists.

O profesor e escritor Fernando F.Rego amosa a biografía de Suso Vaamonde. Mateo Fernández Maroñas

A súa vida está marcada pola censura de 1979.

Por cantar en Pontevedra Cando me falan de España sempre teño unha disputa,que se España é miña mai eu son un fillo de puta. Non hai probas de que cantara iso, pero un militar de Forza Nova que saía da misa da Peregrina denunciouno e foi condenado a seis anos e un día de prisión por inxurias á Patria. Exiliouse a Venezuela, Xaime Barreiro de Voces Ceibes mediou co Goberno socialista. E ao final entregouse en España, para entrar no cárcere de Ourense e lograr a amnistía —co telegrama de amnistiado enmarcado na súa casa—. Foi o primeiro preso político da democracia por exercer a liberdade de expresión.

Como se documentou?

O seu sobriño Gael Vaamonde axudoume coa súa web que ten audios, e o fillo Xesús Vaamonde abriume as portas da casa co seu álbum familiar. Entrevistei ao seu irmán Senén. Había moita documentación da época, como os directos en Oporto.

Cal é o legado de Vaamonde?

No punk galego revindican moito a Suso, pola actitude e a música. No documental Semente de berrar falan de Suso Vaamonde como o primeiro punk. O primeiro punk da música galega, que tivo versións de grupos como Tiro na Testa ou Os Amigos dos Músicos. Era moi querido, na despedida en Salvaterra antes de morrer por cancro de pulmón a xente non marchou ata as 05.00 da mañán.

Sacrificou moito pola música?

O fillo contábame que sempre pensaba que un día ergueríase pola mañá e o seu pai estaría morto na estrada, porque nunca había para pagar hotel. Suso dicía: “Cando hai cartos chaman a Azúcar Moreno, e cando non a Suso Vaamonde”.

“Nun concerto de Juan Pardo choveron ovos, Suso estaba no público e acabaron todos en comisaría”

Vaamonde tamén rescatou a música popular das tabernas.

Suso Vaamonde facía unha labor de campo moi grande de taberna en taberna por toda Galicia. Cidades como Ferrol ou Vigo tiñan antes a seguinte tradición, que se foi perdendo: a xente cantaba nas tabernas despois dos traballos, era o divertimento que tiñan. Suso Vaamonde recolleu en A Estrada a canción Pousa, Pousa de A Roda. Co seu irmán Luis, produciu ese primeiro disco dun grupo que catalizou o rexurdir tabernario.

É certo que nalgunhas emisoras raiaban os seus discos para que non se escoitasen?

Lévome ben co crítico musical Xavier Valiño, que é quen recolle que nas radios raiaban as súas cancións. Non había un mundo dixital como agora e as copias eran físicas. Utilizábase un punzón para que os discos fosen irradiables, e evidentemente facíase por motivos políticos.

Que lle pasou a Suso Vaamonde con Juan Pardo nunha discoteca de Vigo?

Aconteceu na discoteca Nova Olimpia de Vigo, durante un concerto de Juan Pardo a finais dos anos 70. De repente, todos os músicos de Juan Pardo empezaron a recibir ovos desde o público. Baixaron e empezaron a liarse cos asistentes, e deu a casualidade de que Suso Vaamonde estaba alí. Houbo un tumulto no público, todos acabaron na comisaría, denuncias... O feito é que Suso estaba alí pero sen participar directamente.

Era un axitador?

Seguro que era instigador dalgunhas cousas. Tamén está a polémica de Voces Ceibes, movemento do cal formaba parte. Nun concerto en Guimaraes el pide tocar e dinlle que non porque eran moitos, acaban en insultos. A fractura foi maior cando anos despois el saca o recopilatorio de Voces Ceibes, e o resto do grupo acusa a Suso de non contar con eles. El excusouse con que os dereitos de autor xa estaban en mans doutra compañía.

“Preparo outro libro sobre o ‘underground’ nos anos 80”

Ante o movemento da nova música galega, é importante buscar en raíces non tan lonxanas como as de Vaamonde?

Antón Reixa dicía que a súa era a primeira xeración da música galega sen complexos. Con grupos como Siniestro Total ou Aerolíneas Federales hai unha perda de pudor. Pero esa xeración non se achegou ao galego como a actual, que fai unha reivindicación importante da terra e o idioma.

E agora o galego é central.

A maior parte dos grupos actuais usan o galego: Baiuca, Chicharrón (producido por Ferror Records, que comanda F. Rego con Serxio Peck), os Amigos dos Músicos. O idioma é moi importante para editar un disco, é un compromiso que sae de nós de forma inconsciente. As nova xeracións defenden o idioma, e dun modo distinto entre elas. Vemos o caso de Baiuca que suma música tradicional e de vangarda. Temos unha riqueza estrutural moi importante, moitos ritmos das muiñeiras son tribais como os de África e funcionan da mesma forma. E todo funciona porque chega á xente. Na década dos 80 e os 90 non había eses ritmos. E agora hai un compromiso máis directo, agora todos queren usar o galego.

Ademáis destas biografías, a de Vaamonde con Editorial Galaxia, vostede publicou outros ensaios como ‘50 anos de pop, rock e malditismo na música galega’, produce discos a través de Ferror Records... é profesor no IES Arcebispo Xelmírez I. Que quere facer agora?

En Ferrol continúo traballando na aposta pola cultura local. Preparo outro libro centrado no underground galego dos 80. E estou a tope con Ferror Records, temos moi boas respostas aos discos que publicamos como os de Chicharrón ou Quant . Somos unha pequena familia, facemos moito máis que editar un disco.

Compartir el artículo

stats