Co obxectivo de asegurar a máxima atención educativa o alumnado ucraíno desprazado a Galicia por mor da guerra, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon á disposición dos centros educativos un espazo web específico sobre Ucraína con recursos e materiais didácticos encamiñados a favorecer este proceso de adaptación e integración nas aulas. 

Un dos elementos principais é a dotación de ferramentas específicas para a comunicación co resto do alumnado e co profesorado. Está dispoñible unha guía básica de conversación galego-castelán-ucraíno cos seus respectivos pictogramas e coa transliteración do ucraíno para fomentar tamén un proceso recíproco no que o alumnado acollido poida comunicarse en galego e castelán e os alumnos e profesores galegos saiban pronunciar palabras en ucraíno. 

Xúntase tamén unha guía de expresións más habituais e escolmas de material de utilidade dispoñible na rede, entre outros recursos de interese.

Todos estes materiais iranse actualizando nos próximos días coa incorporación de traducións en idioma ruso (que é un dos idiomas de uso cotiá de moitos dos desprazados) e a elaboración dun dicionario de preto de 1.000 palabras, así como doutros materiais e recursos específicos. Así mesmo, hai un apartado específico sobre equipamento TIC para que todo alumno ucraíno que o precise poda dispoñer dun ordenador con conexión á rede.