La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Vida eterna para as linguas clásicas

Profesores e alumnos loitan por unha maior presencia do Latín e o Grego nas aulas

Compañía Noite Bohemia dos alumnos de Zalaeta, no festival de Sagunto. | // SOS CLÁSICAS

Quousque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? Esta expresión de saturación e fastidio cobra agora todo o sentido para os propios profesores e alumnos de Latín, Grego e Cultura Clásica. A través da campaña SOS Clásicas reclaman desde hai un mes unha maior presencia destas materias nas aulas. Por exemplo coa LOGSE, o Latín foi eliminado como obrigatoria no que entón era Segundo de BUP. E actualmente son todas materias optativas entre cada vez máis optativas. “O esmorecemento agrávase cos anos e hai institutos onde xa non hai especialistas”, indica o profesor de Latín e membro da Sociedade de Estudos Clásicos, Fernando Domenech.

As negociacións co Goberno central e Xunta “teñen os seus límites, porque pouco se pode cambiar no proxecto”. Polo que profesores e alumnos, tanto da Facultade de Filoloxía Clásica da USC como de institutos, montaron esta campaña nas redes con vídeos de apoio de médicos, científicos, actores como Carlos Blanco e cargos políticos como a alcaldesa de A Coruña. “Queremos que a xente coñeza o valor destes estudos, non vai contra as ciencias nin é unha reclamación de postos de traballo”, indican desde SOS Clásicas. Durará o que resta de curso e tamén o de 2022-2023, para “crear conciencia” a través das redes sociais.

“Parece que temos a condición de que seguiremos sendo optativas toda a vida, somos o único departamento dos estudos clásicos que carece dunha materia obrigatoria”, explica o profesor Domenech. E engade que “estas materias están sendo desterradas do sistema educativo e pedimos por este motivo unha maior protección”.

Ante as mal chamadas lingusa mortas, os docentes e alumnos recalcan que “hoxe en día continúanmoi vivas: non empregamos o latín antigo pero si que falamos un tipo de latín, é moi importante para aprender o inglés sobre todo canto máis subes de nivel xa que un mínimo do 60% do seu vocabulario é latino”. E recalca Domenech que “o latín clásico pode estar morto pero vive de moitas maneiras”.

Tamén vive na ciencia. Carmen Lema, neuróloga do CHUAC, participa na campaña de SOS Clásicas cun recital en Twitter coas especialidades hospitalarias en grego puro.

“Estes ensinos quedaron claramente desterrados, si tes tres alumnos xa non conceden grupo porque é un mínimo de cinco... e por iso pedimos reiteradamente en Santiago e Madrid que nos protexan”, afirma o profesor Domenech.

A campaña tamén conta con material en Tik Tok, e as protestas leváronse xa o pasado 8 de marzo ao Festival Grecolatino de Lugo. Tamén o teatro romano de Sagunto acolleu estes días unha representación da compañía Noite Bohemia con alumnos do IES coruñés Ramón Menéndez Pidal (Zalaeta), onde amosaron un gran cartel coa seguinte mensaxe Clásicas sempre na escena, Clásicas sempre nas aulas.

A iniciativa naceu en Galicia, pero xa se extende por toda España “porque unha sociedade civilizada non pode permitirse carecer desta formación, si tes un profesor de Latín non o podes poñer a facer gardas con tal de non concederlle un grupo de tres”.

A problemática contextualízase nuns tempos onde se prioriza a formación con saída laboral, por enriba das vocacións. “O de que unha carreira teña saída ou non xa está pasado de moda, necesítase xente intelixente e versátil porque o mundo é versátil... e os rapaces van presionados pola sociedade ou familia para que sobre todo collan ciencias”, explica Domenech. Recorda que “nos anos 80 me montaron unha na familia por estudar a carreira de Clásicas... e agora vemos que o nivel xeral de lectoescritura caeu en picado ata o punto de que no futuro seguramente as empresas necesiten un especialista en lingua, para redactar e ler textos”.

O Latín, o Grego e a Cultura Clásica tamén ocupan espazos como no Dereito Romano, a carreira de Medicina, ou a cultura en xeral. “Nunha festa de graduación de Medicina, achegáronse uns alumnos para explicarme o uso que daban a un Diccionario Médico-Biolóxico da Universidade de Salamanca coa etimoloxía que amosaba a necesidade do ensino do Grego”, recorda o profesor Fernando Domenech. Outro dato máis que revela a importancia das Clásicas na actualidade.

Galicia incorpora Filosofía na ESO como optativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, confirmou este mércores que a materia de Filosofía se introducirá no currículum da Educación Secundaria Obligatoria (ESO) o próximo año escolar. Nunha entrevista a Radio Galega, avanzou que será materia optativa. Xa se está perfilando a parte autonómica para decidir a partir de que curso a materia se impartirá aos estudantes galegos. Con esta decisión, a meta da Consellería de Educación é a seguinte: “O obxectivo é formar cidadáns críticos, libres e que non sexan manipulables”, resumía Rodríguez. Por outro lado, ratificou o xa avanzado en días pasados que o contido de Historia de España anterior a 1812 tamén se unirá á programación da ESO.

Compartir el artículo

stats