Desde este xoves, xa pode verse na web da Real Academia Galega e na súa canle de Youtube o primeiro episodio da serie web creada por esta institución sobre Florencio Delgado Gurriarán. Trátase do primeiro dos cinco capítulos de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda,que nesta presentación traza “o retrato máis persoal do poeta desde a súa terra natal, Córgomo de Valdeorras”.

Cada xoves, tras a Semana Santa e ata a semana anterior ao Día das Letras Galegas (17 de maio), a RAG irá publicando un episodio. Os seguintes versarán sobre “o seu espertar ao galeguismo, o activismo durante a República, os anos da guerra civil e o exilio mexicano; e deteranse tamén na súa poesía e na súa relación coa lingua galega”.

Segundo o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, “con este relato audiovisual pretendemos achegar a todo o público unha figura destacada do labor literario e do activismo cultural da diáspora coa que trasladamos, por primeira vez dende 1963, o Día das Letras Galegas ás terras valdeorresas e máis ao exilio mexicano”.

O encargo da RAG foi desenvolvido pola produtora Miramemira e a guionista María Yáñez, o mesmo equipo que o ano pasado asinou Xela Arias. A palabra esgazada (primeira serie documental da institución, que chegou a ser finalista na última e vixésima edición dos Premios Mestre Mateo na categoría de mellor serie web).