A Real Academia Galega (RAG) expresou onte o seu fondo pesar polo pasamento de Arcadio López-Casanova, unha das voces destacadas da renovación da poesía do último terzo do século XX e investigador literario autor de traballos imprescindibles sobre estilística que abranguen escritores esenciais da historia das letras galegas. O académico de honra, nado en Lugo no ano 1942, vivía en Valencia dende o ano 1968, onde se instalara tras aprobar as oposicións de catedrático de instituto de lingua e literatura españolas. Dende 1986 era profesor da Universitat de Valencia, institución da foi nomeado catedrático emérito tras a súa xubilación.

Como creador, deixa libros como Mesteres (1976), obra fundamental na renovación da poesía do seu tempo na que mantén a cerna do seu universo poético: a vivencia e a representación do desposuimento e do exilio nadas cando, por circunstancias profesionais, deixou Galicia para se instalar á beira do Mediterráneo, onde nunca deixou de cultivar a lingua galega como poeta e como investigador do feito literario.