La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Maite Jiménez Catedrática de Latín e tradutora

Maite Jiménez: “Que gran pracer traducir ‘O nome da rosa’ por primeira vez ao galego!”

“A entrada no universo da Idade Media é como regresar aos xogos da nosa infancia”

A tradutora Maite Jiménez, co exemplar do libro e gafas estilo Guillerme de Baskerville. // Glinda Neva

Máis que unha novela policíaca, un tratado de semiótica. Máis que un tratado de semiótica, un laberinto.Máis que un laberinto, un xogo. E máis que un xogo, a gran aventura do século XIV para amantes das Clásicas. Isto e moito máis atopamos no clásico de Umberto Eco. Unha xoia traducida agora por primeira vez ao galego: O nome da rosa (Aira Editorial) grazas á tradutora Maite Jiménez. Todo o mundo ás librarías.

Moito agardamos pola tradución ao galego de O nome da rosa.

O nome da rosa (publicada orixinariamente en italiano en 1980) tivo o seu gran momento coa primeira tradución en castelán a finais de 1982. Foi lectura obrigada da miña xeración, e agora por fin nos atrevemos a traducila ao galego.

Como recorda a súa lectura na cidade medieval de Santiago?

Nas aulas de Clásicas, escoitábamos os comentarios de catedráticos ilustres, de medievalistas que recomendaban unha novela tan ben documentada. Sorprendía porque era un bestseller, con moitas capas de lectura. Os que nos formábamos como filólogos clásicos en terceiro de carreira considerábamos como unha xenialidade absoluta o papel de Aristóteles. Umberto Eco imaxinaba que nunha abadía do norte de Italia quedaba o último exemplar dun libro deste filósofo, do que algúns negaban a súa existencia.

Atopamos aquí un tratado de semiótica.

O mestre de Guillerme de Baskerville, protagonista da novela, é Guillerme de Ockham: importantísimo para a ciencia moderna como representante do nominalismo. Tamén é unha novela moi atractiva sobre filosofía, o mundo medieval, a historia da arte... ou como un thriller que pasea polos crimes máis inquietantes.

FICHA PERSOAL

Maite Jiménez (Ferrol, 1966) criouse nos campos de Naraío e agora imparte clases como catedrática de Latín no IES García Barbón (Verín). Da man de Aira Editorial ofrece a primeira tradución en galega de O nome da rosa. A obra magna de Umberto Eco invita fervorosamente á lectura desde a súa portada. E na portada hai un laberinto, e no laberinto un xogo, e no xogo unha historia inmortal...

E Guillerme de Baskerville como unha das figuras máis fascinantes da literatura, auténtico trasunto de Sherlock Holmes. Tivo que exercer como investigadora na tradución?

Non sempre resultou fácil levar o aire da novela de Eco ao galego, adiqueille moita paixón e adicación para chegar ao nivel lingüístico tan alto do orixinal. A obra escribiuse en italiano, pero como os monxes procedían de diferentes partres de Europa entre eles falaban con ese toque de sentencia que ten o latín. Eu xa traducín catro libros do latín medieval ao castelán e o galego. Acudín á Biblia e documenteime especialmente sobre as herexías en Italia tras a morte de San Francisco.

Como é o xogo de levar o italiano ata o galego?

Non é máis fácil nin máis difícil que con outras linguas románicas, porque están moi preto. Descubrín palabras en italiano que pensaba que non existían en galego... pero si existían! Por exemplo: espalancar, que é abrir unha boca con sorpresa (ou unha ventá). É marabilloso.

Como catedrática de Latín, entrar neste universo dominado polas Clásicas supón...

Que gran pracer traducir por primeira vez O nome da rosa ao galego! Umberto Eco dicía que a Idade Media é a nosa infancia. E amin expándeseme o corazón cando retorno a ese mundo: é como regresar a eses xogos da nosa infancia.

Aristóteles e o poder da palabra, a racionalidade ante o medo.

A relixión cristiana estaba dominada polo platonismo, pero Aristóteles defendía os pés na terra para explicar as causas de todo. Eco cita a Roger Bacon: a conquista do saber pasa polo coñecemento das linguas. Guillerme de Baskerville rifa co seu discípulo Adso por non saber árabe e vivir nun mundo pechado. E descifran un laberinto que é unha biblioteca, e descifran o pórtico da abadía co seu bestiario medieval. Atenden xuntos á oración do desciframento.

“Guillerme de Baskerville ensina que para chegar ao coñecemento hai que ter aventuras e viaxar”

O nome da rosa ten un importante papel para un tradutor entre as súas personaxes.

O tradutor de grego comete un pecado ao traballar con certo libro. Estas persoas tiñan un papel destacado para levar documentos do árabe ao latín, para dar a coñecer obras gregas do imperio bizantino. Gústame a imaxe do tradutor como axente segredo contratado por un goberno para espiar ao inimigo. Como coñece unha lingua pode ler documentos segrados. E en canto a min, considero que o galego debe nutrirse de obras da literatura universal.

As diferentes visións do coñecemento amósanse na separación entre franciscanos e benedictinos.

San Francisco foi un home revolucionario. Na novela preguntan si Cristo foi pobre ou si Cristo ría. A Igrexa debe ser pobre e vender os seus tesouros para socorrer aos máis necesitados como nas Sandalias do Pescador? San Francisco abriu o debate no século XIII e o debate continúa aberto. Por iso despois houbo tantas herexías. Os dominicos eran máis pragmáticos e arrimados ao poder, e os benedictinos eran do ora et labora.

E sempre a beleza da comedia.

A prohibición de rir obedece a que a xente será máis manipulable si cre nun Deus vingativo. A risa é liberdade porque alonxa do medo. Como din na novela, só os humanos rimos no reino de Deus.

Como mestra, como ve a relacion entre Guillerme e Adso?

Para min é unha das partes máis emocionantes da novela. Guillerme de Baskerville é o mestre dun rapaz que non sabe nada do mundo agás latín, relixión, gramática e algo de xeometría. Cando se coñecen Adso aínda é un home en camiño, e Guillerme ensínalle que para chegar ao coñecemento hai que ter aventuras e viaxar. E Adso viaxa da man dun home moi sabio, que o trata con tenrura, que o instrúe e co que tamén rifa. Boto de menos no ensino esa relación, pero nas Clásicas estamos máis cerca porque os grupos son pequenos. E reconcíliaste cunha xuventude que aporta esperanza.

“Si acabamos coas Clásicas, acabamos coa nosa cultura”

Na novela a riqueza ten forma de biblioteca, cun diamante do Beato de Liébana.

Nesa abadía Guillerme e Adso atopan a biblioteca máis importante da cristiandade. Cando abren ese Beato de Liébana (monxe adicado aos manuscritos), aparecen cores vibrantes e debuxos de ciencia ficción. É meritorio que os benedictinos tivesen esa vocación de trascendencia, dunha biblioteca como cápsula do tempo que salvagarda os libros para a humanidade.

E entre os franciscanos e os benedictinos, a Inquisición.

Baskerville tamén tivo ese pasado inquisidor, pero cando este instrumento non era abusivo e só servía ao principio de garantir a fe. Pero cando el saiu, os inquisidores empezaron a actuar case ao marxe da Igrexa a través duns intereses creados.

Vostede tamén pertence á plataforma SOS Clásicas.

Estamos abraiados coa LOMLOE: nun estado moderno e progresista deberían ter máis en conta ás Humanidades. Nun país de tradición grecolatina, si acabamos coas Clásicas acabamos coa nosa cultura. Levo xa seis ou sete leis educativas, constantemente enredada en burocracias e loitas para garantir un ensino libre. Queremos que se poida acudir a un Bacharelato de Humanidades con materias troncais como o Latín e o Grego. Cando se fala de si unha materia é útil ou non... Pois realmente útil é arranxar unha lavadora ou sachar pementos, pero tamén debemos saber o que é bo para o espíritu. George Orwell e Aldous Huxley xa vaticinaron que chegarían estes tempos. Debemos coñecer o noso pasado.

O nome da rosa tamén é o nome dunha paixón.

O episodio de amor está cheo de lirismo, nunha paráfrase do Cantar dos cantares do Rei Salomón. Adso é tan puro que atopa a poesía das súas lecturas no erotismo cunha muller.

Compartir el artículo

stats