La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

‘Semente de Berrar’: Deus salve ao punk galego

O son e a furia deste movemento no documental de Iago Santás

Rodaxe co grupo punk Bala e No Majors Films Produccións. | // I. SANTÁS

De God Save the Queen a Dios salve al conselleiro. Da revolta dos mineiros contra Thatcher á reconversión naval. E do Rock contra o Fascismo con The Clash a aquel mítico concerto polo futuro de Astano. O camiño do punk británico ao galego salta de canción en canción ata chegar á seguinte conclusión. Ningunha rama do punk ten un humor tan soterrado como o de Galicia. Ata o punto de que aquí as letras só necesitaban catro versos como unha gran bola de lume: Dios salve al conselleiro, él no es un botafumeiro, es sólo un rianxeiro. ¡Conselleiro! A celebración dos 40 anos do punk galego chega co documental Semente de Berrar, do profesor de Betanzos asentado en Allariz, Iago Santás.

Tras presentarse en diferentes localidades galegas, en maio lanzarase o DVD ao mercado: en galego con subtítulos en castelán, euskera e catalán. E coa pretensión de que nuns meses poida subirse ás plataformas streaming. O punto de partida é 1981 co primeiro disco de Siniestro. “Ás veces pensamos no pobo galego como manso, pero a nosa escena foi a máis potente desde os 80 ata o rock bravú como subxénero moi popular grazas a Xabarín Club”, explica o director.

O director Iago Santás co seu fillo Xián. | // IAGO SANTÁS

A partir de tres ou catro acordes e cunha mensaxe de rebeldía chovían bandas desde A Coruña, Vigo e outras vilas: “Pussycats, Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Resentidos, O Caimán do Río Tea... eu nacín en 1981 ao igual que o punk galego, e crieime en toda esa contracultura”. Si o berce do punk sitúase en torno a 1977 entre Londres e Nova York (sen contar o protopunk no que reinan MC5 e The Stooges desde Michigan), en España non se asentaría ata principios dos 80. Buscamos pioneiros en Galicia? “Todo o mundo diría Siniestro Total en Vigo e Radio Océano en A Coruña, cos súas Movidas, pero tamén recuperamos os movementos okupa con xente como Os Sckacha”.

Por Semente de Berrar. 40 anos de punk en Galicia pasan ademáis de Julián Hernández e Xosé Manuel Pereiro (dos citados Siniestro Total e Radio Océano) as novísimas Bala ou Laura Romero. Hai músicos, tamén artistas dos fanzines e propietarios de salas de concertos como Iguana Club, ata 40 personaxes. Iago Santás enumera: “Tiro na Testa,Cé Orquestra Pantasma, os Skarmento de Lalín, os Lascivos de A Coruña, os Killer Barbies...”

O grupo punk Post Mortem nacido en Compostela en 2004. | // I. SANTÁS

Voa a sombra de antecesores como Voces Ceibes, movemento no cal participou Suso Vaamonde: que pode equivaler para o punk galego o mesmo que Ian Dury para o punk inglés. Como base dese humor, nas letras non faltaban piques entre bandas (recordemos aquel No somos de Monforte adicado por Siniestro a Pereiro de Radio Océano). Pero as entrevistas serven para recordar como “para os de Vigo era máis doado tocar en Oporto que na Coruña polas comunicacións”.

Entre os momentos históricos recórdase o concerto de Astano en 1984, con Suso Vaamonde, Os Resentidos, Radio Océano... “E sempre a potencia da retranca e a ironía galega, un humor contestatario rozando o soez”, insiste o director. O documental gravouse en A Coruña, Vigo, Ferrol, Compostela, Cangas, Lalín, Betanzos e Allariz. Cun punk de Vigo “máis vencellado á rúa polo carácter obreiro da cidade, mentras A Coruña tiña máis rock and roll americano”. O movemento okupa tivo máis forza no punk coruñés, “porque en Vigo había máis apoio a esta música desde as salas e mesmo a nivel institucional”.

Coa excepción dos Resentidos, o galego non entraría a fondo no punk ata os 90: “Hai unha frase moi boa de Carlos Rego de Cosecha Roja que di que o galego era moi hostil ao rock, e o rock ao galego”. E persiste a nostalxia ante un mundo perdido: “Esa época da vida na rúa e o intercambio de discos xa non existe, despídense en Siniestro, Pereiro segue escribindo... pero esa Galicia desapareceu”.

Compartir el artículo

stats