O Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta que guiará todas as actuacións nas bibliotecas ata o ano 2025, constrúese sobre sete puntos ou áreas clave, como son o crecemento da rede de bibliotecas escolares de Galicia e a renovación dos seus recursos; a biblioteca social, incidindo nunha maior inclusión; a construción de redes de colaboración, avaliación e comunicación entre os axentes da sociedade lectora; o uso das bibliotecas como laboratorios de creatividade na aprendizaxe; o estímulo da lectura entre toda a comunidade educativa; a alfabetización mediática e informacional e a innovación metodolóxica formativa, impulsando novas pedagoxías en torno á propia biblioteca.

O novo plan, segundo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “prioriza os recursos innovadores e o significado dos espazos como elementos clave do novo modelo educativo, no que tanto a adquisición de competencias dixitais como a formación en igualdade representan piares fundamentais”, abordando con máis ambición a atención á diversidade, entre outros factores.

Impulsaranse novas estratexias para seguir afondando na implicación do conxunto da comunidade educativa na actividade da biblioteca, liña que este ano xa se fortaleceu co programa Lectura e familias, para incentivar a participación das nais e pais e de todos os membros da comunidade na biblioteca escolar.