A Biblioteca da Real Academia Galega (RAG) lembra, co gallo da celebración do 23 de abril, o quincuaxésimo aniversario da I Mostra do Libro Galego en Cataluña, unha iniciativa concibida para ofrecer ao público catalán unha imaxe da evolución histórica da cultura galega. A exposición, que puido verse en Barcelona do 17 de maio ao 17 de xuño de 1972, foi patrocinada pola Galería Sargadelos e contou coa colaboración de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Penzol, o Museo Carlos Maside e a propia Real Academia Galega. Da organización encargáronse Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, membros da RAG, coa colaboración do escritor e tradutor Valentín Arias.

Ilustración dun libro.

Entre as valiosas obras da Real Academia Galega (RAG) que se puideron ver en Barcelona destacaba unha das xoias da Biblioteca, a Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del (Mondoñedo, 1551), do licenciado Molina, primeira gran descrición do Antigo Reino de Galicia e da que se conservan moi poucos exemplares. O libro, impreso por Agustín de Paz, é pioneiro na vindicación e defensa de Galicia fronte ao desprezo e descoñecemento secular aos que fora sometida.

“Intenta dar a coñecer a España a riqueza natural, artística e intelectual de Galicia. Por este motivo é unha especie de guía xeográfica, histórica e artística… Pretende ofrecer aos españois unha lembranza das grandezas deste pobo ignorado e menosprezado”, dixo desta obra o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021).