Kiosco

La Opinión de A Coruña

María Alonso Seisdedos Ficha persoal | Tradutora da ‘Mathilda’ de Mary Wollstonecraft Shelley

“Soño con traducións: teño o caderno na mesa de noite para apuntar ideas cando esperto”

“O sector vive a súa idade de ouro en Galicia, pero temo que acabará afectado pola crise”

A tradutora María Alonso Seisdedos. | // MARÍA ALONSO SEISDEDOS

Entre as xoias traducidas ao galego que chegan estes días ás nosas librarías, brilla con especial intensidade a Mathilda de Mary Wollstonecraft Shelley. A través da editorial Irmás Cartoné, a filóloga e tradutora María Alonso Seisdedos mergúllase na Inglaterra do século XIX para traernos unha peza que tardou 139 anos en publicarse.

Vive a tradución ao galego unha idade de ouro?

No presente si que vivimos unha idade de ouro, pero non sei si durará moito debido ás circunstancias mundiais. A crise afectará a todos, e o primeiro sector en padecer recortes é o cultural. Podes ver as feiras do libro cheas de xente, continúas traballando pero en catro anos chegarán os problemas.

Aferrados a ese presente dourado, é un agasallo traducir clásicos como Mathilda?

Calquera tradución é un agasallo, pero especialmente estas pequenas xoias case descoñecidas e que necesitan un esforzo especial. A linguaxe non é a do noso tempo, entras nun mundo cun inglés que xa non existe, o significado das palabras variou moito. Iso supón unha dificultade engadida pero fai máis atractivo o traballo.

Como foi o seu primeiro contacto con Mathilda?

A gran maioría das traducións que fago son por encargos. E non fago unha primeira lectura do libro, a tradución vai sobre a marcha e despois reviso. Mergúllome de golpe na obra e prefiro traballar así.

A vida da autora é unha novela.

A vida de Mary Wollstonecraft Shelley é unha novela en si, como a de moitas escritoras desa época polo simple feito de ser muller e escribir nesas circunstancias. Teño moitas gañas de ler a tradución ao galego de Frankenstein (o libro máis coñecido da autora) a cargo de Samuel Solleiro.

Nesta edición conservan o apelido de solteira de Wollstonecraft.

Trátase dunha decisión da editorial que comparto totalmente. Non entendo que no mundo anglosaxón as mulleres continúen levando o apelido do home cando casan ou mesmo divorciadas.

Esta peza do romanticismo inglés tardou moito en publicarse pola oposición do pai da autora.

Non sabemos ata que punto hai de autobiográfico nesta novela, consultei edicións críticas. Aquí aparecen temas como o incesto e o suicidio, tabús e máis nesa época. E a obra publicouse moito despois de morrer a autora.

A súa tradución máis complexa foi a do Ulises de Joyce?

Non é comparable con absolutamente nada, ningún libro ten esa dificultade. Catro persoas traballamos nesa tradución durante dez anos. Tardouse moito tamén porque o sobriño de Joyce tiña os dereitos e non acababa de cedelos a Galaxia. Na tradución literaria empecei con Orhan Pamuk, e finalmente traducín del catro obras cun estilo especialmente complicado.

Este mundo para vostede é un traballo ou unha aventura?

Un traballo e unha aventura. Para min é a maneira máis intensa de ler, tes que buscar tanta información sobre o tema que acabas mergullado no texto e na época. Si en Mathilda falan de plantas e da paisaxe, eu busco información de cada planta, de cada ave... Documéntome con libros, con cancións.

De noite soña coas traducións?

Soño con traducións, e chego a erguerme da cama para tomar notas e resolver problemas. Estou medio durmida e chega esa solución á cabeza, grandes ideas entre o soño e a realidade. Tamén cando estou conducindo ou paseando, cando estou relaxada.

E ten un caderno na mesa de noite para tomar notas?

Teño un caderno na mesa de noite para anotar todo, e só me falta unha lousa para escribir no baño. Ademais deses cadernos pola casa, sempre levo outro na mochila para cando chegan esas ideas.

“Polo que máis me coñecen é por levar a Shin Chan ao galego, moitos me din que aprenderon o idioma con el”

Que supuxo para vostede gañar o primeiro premio Xela Arias, concedido pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación?

Calquera premio é unha emoción porque recoñecen o teu traballo, pero moi especialmente o Xela Arias porque foi concedido polos colegas. Emocioneime tanto que aínda me emociono con só recordalo. Cando me chamaron para anuncialo, pensaba que me pedían que entregase o premio a outra persoa. Ata que me recalcaron: “Pero si a premiada es ti!”. E non podía contestar. Tamén a emoción chega polo nome do galardón (a poetisa e tradutora Xela Arias).

Vostede tamén traduciu as películas que podemos ver na TVG, desde a saga de Harry Potter ata Million Dollar Baby.

Traducín todas as películas que chegaban á TVG durante máis de 30 anos, series e documentais.

E nas series traduciu algunha desas frases tan célebres adaptadas ao noso sentido do humor?

Como din os actores, si así o esixe o guión (risas). Unha expresión graciosa no orixinal tes que traducila como outra expresión graciosa. Pero xa aclaro que a frase “Estás bébeda, Sue Ellen?” non era miña. En realidade, a personaxe coa que tiven máis éxito como tradutora foi Shin Chan.

Todo un referente para os nenos que vían os debuxos en galego, en serio.

Ata que saíu Shin Chan non me coñecían de nada, e con Shin Chan empezou a soar o meu nome. Foi polo que máis me coñecían. Moita xente me di que aprendeu o galego con eses debuxos, coa época do Xabarín Club, cos debuxos da TVG.

Soña con traducir un libro en concreto?

Xa está traducido ao castelán: O remorso de Baltazar Serapiao de Valter Hugo Mae.

Prefire editorial grande ou pequena?

Con calquera editorial pequena, como todas as galegas, trato moito mellor que cun monstro editorial: porque podes negociar.

“Escoito conversas no café en busca de solucións”

Este universo da tradución pode verse como un xogo, un laberinto, un conxunto de problemas?

O mundo da tradución ten algo de labirinto en busca de solucións. Hai unha expresión que non podes calcar, buscas en libros de fraseoloxía, ou vas a facer a compra, empezas a falar cunha veciña... e atopas esa expresión que buscabas. Gústame moito escoitar á xente, aos veciños. Gústame escoitar conversas alleas nun café e buscar maneiras de falar, para atopar esas solucións. Gústame escoitar a radio cando chama a xente, as súas expresións... é fascinante e sempre estou anotando. Pero despois perdo moitas desas notas. Escoitas a radio no almorzo, entra unha chamada, apuntas algo nun papel, fas limpeza e acaba no lixo. Pero o simple feito de apuntalo axuda a recordalo. Gústame moito, moito, escoitar á xente. En calquera lingua coa que traballas, sempre é importante estar coas orellas abertas.

Cantos idiomas fala María Alonso Seisdedos?

Ningún, falo mal en todos. Pero si me preguntas con cantos idiomas traballo como tradutora, direi que entendo algún: alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán...

Recalca que case todos os seus traballos foron por encargos.

Case sempre traballo de encargo. Hai algún libro que me encanta, pero é moi complicado chegar a traducilo. As dificultades chegan porque moitas veces os dereitos para as traducións están en mans doutras editoriais, por moito que insistas na túa editorial os dereitos xa estarán collidos. Tampouco teño moito tempo. Nunha época de vacas fracas si que procuraría buscar máis material. E nunca faría unha proposta dun libro que non me gustase.

Compartir el artículo

stats