Maio: cheo de laranxas silvestres e cornetas. Tempo de flores, tempo de verbenas, tempo das Letras Galegas. Aí vén o Maio, pola porta do xardín. Aí vén o Maio de enterrar ao pai Abril. A Real Academia Galega xa celebra a benvida a un mes adicado por enteiro a Florencio Delgado Gurriarán, co rescate do seu discurso como académico en 1981, ademais de novos contidos audiovisuais e actividades nas escolas. Preséntase o terceiro capítulo da serie sobre o protagonista este ano do Día das Letras Galegas, versado sobre o seu exilio en México. E sobre esa época da súa vida fala o discurso rescatado pola RAG: “O noso exilio, que non nos desvencellou da Terra, foi bo para nós e para a nación que nos acolleu”.

Estampa familiar de Florencio Delgado Gurriarán no exilio. | // RAG

En México atopou Delgado Gurriarán a segunda patria, tras escapar da persecución do bando nacional na Guerra Civil a través de Francia. En 1939, chegou a América a bordo do Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín ou Carlos Tomé. Só regresaría tres veces a Galicia, a primeira en 1968 e a derradeira en setembro de 1981. O documento de ingreso do escritor na RAG conserva a súa linguaxe orixinal: “Sen tencionar compararnos cos galegos de Bos Aires, capital cultural da Galiza na posguerra, cando, despois da vitoria da metade dos españois, ficou a España maltreita, a intelectualidade decimada e a fala galega ás escuras, a emigrazón galega en México tamén acendeu o seu fachiño para escorrentar as tebras culturais”.

Outra imaxe festiva do homenaxeado nas Letras Galegas. | // RAG

Co Partido Galeguista editou en México o Cancioneiro da loita galega (1943). Nese país tamén fundou o Padroado da Cultura Galega ou a revista Vieiros. Na intervención de 1981 Delgado, ademais festexaba a diversidade lingüística de España como “comunidade de pobos fraternos e mosaico polícromo e harmonioso concerto de falas irmás”. O pleno extraordinario do 17 de maio celebrarase en Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, concello natal do autor.

Micropezas en primavera

Avanza a Primavera das Letras para a infancia, con múltiples contidos que poden verse na web da Real Academia. A RAG produce a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, con voces de distintos ámbitos sobre a figura do autor e a súa obra: difusión da súa poesía, do léxico galego... ou a páxina primaveradasletras.gal para descargar a biografía ( asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán).Hai fichas para colorear, vídeos e actividades interactivas. Proximamente, a RAG publicará a edición galega (anotada por Ricardo Gurriarán) da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán: “Unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois”.