La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A viaxe celeste de Anémona de Río

A creadora do primeiro manga galego lanza ‘Tam 2’: retrato dunha rapaza en cores pasteis

O marabilloso mundo de Anémona de Río

Ata o máis profundo do pantano viaxa no tren a nena da camiseta de raias, acompañada dunha sombra con máscara e de pasaxeiros chegados dun tempo lonxano. Baixo nubes azuis e rosas, avanza a película favorita da nosa protagonista: A Viaxe de Chihiro. Tamén Anémona de Río (Aldara Álvarez) cruza o seu peculiar camiño a Ítaca: a conversión dunha paixón no seu modo de vida. En 2018 lanzou Tam: o primeiro manga galego tras formarse no Garaxe Hermético. E agora pode lerse Tam 2, con Retranca Editora. As rapazas de ollos grandes e cores pasteis regresan para falarnos da euforia e a amargura de ser tan novos.

A autora cun exemplar de ‘A proba de auga’. // ANÉMONA DE RÍO

Anémona de Río (Vigo, 1995) recorda que estando no Garaxe Hermético de Kiko da Silva decidiu facer o seu proxecto “dunha rapaza con sobrepeso e inseguridades, que un día recibe un email para unha reunión de exalumnos do colexio... e a partir de aí pensa que fago, como me verán?”. Usa o debuxo xaponés cunha paxinación occidental, para crear estes álbumes “baseados en min, porque sempre me vía gorda e agora repaso esas fotos e digo pero si non estaba gorda!”. Recalca que esas inseguridades “eran xeradas pola percepción que teñen os demáis da nosa persoa”.

Amores e desamores en technicolor

Empezou a debuxar “desde que puiden agarrar un lapis, con cinco anos era unha nena rara e zurda que creaba patos vestidos con lazos, princesas, e teas de araña entre dous paus”. Intentou varias carreiras “nesta sociedade de titulitis, para non decepcionar á familia cando no fondo estaba decepcionándome a min mesma”. Primeiro, Telecomunicacións “porque me dixeron que unha enxeñaría tería saídas”. Despois, Publicidade e Relacións Públicas. “Pero a cabra tiraba ao monte, finalmente entrei no Garaxe Hermético e levo catro anos debuxando profesionalmente (son autónoma)”, afirma. Alí a vida empezou a cobrar sentido, “acabei facendo amigos e coñecín á miña parella, gañei o premio do Garaxe Hermético e acabei publicando A proba de auga con Edicións Xerais”.

Deseño para as camisetas de Rock in Río Tea. | // ANÉMONA

Nas historias de Anémona de Río aparecen amores platónicos cunha volta de torniquete. “Gañei outro concurso con Cousas de nenos, relato como me agocho na clase porque un neno me pega e a profe di que iso é porque lle gusto, entón decido que nunca terei ese tipo de amor na miña vida”, recorda. De pequena vía Shin Chan, despois coñeceu os comics Sargento Keroro e Neon Genesis Evangelion. E agora crea as súas propias personaxes, coa música das pelis de Miyazaki mentras debuxa.

Gotas de auga, rotuladores e ordenadores

Ademáis de Tam e Tam 2, Anémona de Río tamén publicou A proba de auga traducido ao catalán por unha editorial valenciana. Algúns días non se ergue da silla polo debuxo e ata olvida comer, e outros desconecta. Os seus pais son enfermeiros, e nesa profesión tivo certa inspiración para A proba de auga: cómic de espíritu científico coa seguinte sipnose. “Unha gota de auga rematou os estudos para traballar como H20, vai a unha estación de tren pero pérdese debido a un terremoto. O tren é unha botella de auga e acaba na boca dun rapaz, onde debe atopar ás compañeiras polo corpo enteiro”.

Ata hai pouco, bocetaba de modo tradicional e despois acudía ao ordenador. Pero agora, fai todo en dixital aínda que de vez en cando colle papel e rotuladores de cores (“para enviar algún agasallo de agradecemento polas miñas compras”). Tamén fixo o último cartel da Japan Weekend, colabora coa revista infantil opapagaio.gal, crea stickers de Whatsapp e camisetas para Rock in Río Tea. O seu nick é @anemonaderio.

Compartir el artículo

stats