A Xunta de Galicia pechou o prazo para a incorporación de novos centros escolares ao modelo de ensino plurilingüe no vindeiro curso 2022-23, tanto na Rede de centros plurilingües (Primaria e Secundaria) como na etapa de Infantil (Plurinfantil) e Bacharelato (Pluribach). Este modelo de potenciación de linguas estranxeiras no sistema educativo galego —que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira— tense afianzado tanto desde o punto de vista cuantitativo como cualitativo e acada os 100.000 alumnos beneficiados fronte aos 12.500 que con seccións bilingües no curso 2008-2009.

O modelo de ensino plurilingüe en Galicia arrancou no curso 2010-11 con 58 centros plurilingües e hoxe acada os 465 centros. Para dar apoio a estes centros, a Consellería pon ao servizo da comunidade educativa un total de 628 auxiliares de conversa neste ano académico, o que significa multiplicar por dez os do ano 2008. A isto engádese o nivel de recoñecemento do alumnado a través dos bos resultados obtidos nas probas de certificación e do grao de satisfacción amosado polos docentes, xa que case o 99% dos profesores coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados.

A implantación do plurilingüismo nestas etapas esixe dunha continuidade progresiva, isto é que se un centro opta por implantar o programa en 1º de Primaria no curso 2022-2023, no seguinte ten que asegurar a extensión dese proxecto a 2º de Primaria e así sucesivamente ata completar a etapa.

Mentres que o Pluribach ten como finalidade promover no alumnado unha preparación máis completa e especializada no idioma obxecto do programa, así como un achegamento máis específico ás diferentes materias que compoñen o currículo. O alumnado cursará materias curriculares, ata un terzo do seu horario, no idioma estranxeiro, así como unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. O horario, en lugar de 32 períodos lectivos, pasa a ser de 34 ou 35. Ademais, contará con actividades complementarias de formación organizadas polo centro, que contará con auxiliares de conversa.

No que atinxe á implantanción do modelo plurilingüe no segundo ciclo de Educación Infantil, o alumnado cursará áreas curriculares, ata un terzo do seu horario, no idioma estranxeiro, cun enfoque lúdico e partindo do traballo en grupo.