La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Chichi Campos: elegancia punk

O seu fillo Nico recopila cun libro, unha exposición e un documental a memoria deste axitador cultural, como símbolo da Galicia dos 80

Chichi Campos co seu fillo Nico no colo Nico Campos

En 1987, Galicia entendíase a golpe de Morris e Manquiña gamberreando na TVG, os traballadores de Astano en loita sobre o asfalto e canallismo nos concertos lisérxicos. Por todos eses escenarios camiñou Chichi Campos (La Laguna, 1952- Compostela, 1991): tan elegante, tan ácido, tan punk. Pioneiro da banda deseñada, guionista deses tempos salvaxes (para ben) da TVG, primeiro director da Galeria Sargadelos, artiguista de xoias agora recopiladas no libro Estampas do mundo elegante. Estrela fugaz entre estrelas fugaces.

Outra estampa para falar da elegancia de Chichi Campos. | // N. CAMPOS patricia hermida

O seu fillo Nico Campos tiña 11 anos cando Chichi morreu e agora realiza un inconmesurable exercizo de memoria, con ese libro, unha exposición coas súas ilustracións na Fundación Luis Seoane e un documental financiado por crowfunding. Na publicación, Manuel Rivas xa prologa cunha cita de Rafael Azcona: “O cinema italiano perdeu os seus guionistas cando estes deixaron de viaxar en autobús... e Xesús Chichi Campos nunca deixou o coche de liña”.Nese tranvía viaxou a peito descuberto cos artigos de A Nosa Terra editados agora por Tórculo. “Tiven unha emoción tremenda cando recibín o libro con 37 colaboradores (como Xosé Hermida, Belén Regueira, Julián Hernández ou Valeria Pereiras,con epílogo de Ledicia Costas)”, explica Nico Campos.

Outra das teimas: os subvencionados dos 80

Para a posteridade queda a crónica ficticia do traslado dos restos de Castelao a Galicia, co cadaleito nun avión entre os pasaxeiros e a seguinte retransmisión: “Enseguida llega el señor Castelao. No aprieten, por favor... Na carroza cedida polo Museu do Povo Galego chega o cadaleito. Perfectamente aliñados: Iglesias Corral, Cacharro Pardo, Paco Vázquez... Entre eles, Fraga, feliz”.

Rodaxe do documental con Morris, á dereita. | // N. CAMPOS

Nico Campos, que tamén é guionista, herdou do pai esa paixón polo show bussiness: “Unha figura coas súas luces e sombras, esencial no Partido Comunista de Galicia, exprimiu a vida ao máximo”. Máis xoias de Chichi. Manuel Fraga (ou a diferencia entre unha gran cabeza e unha cabeza grande): “A evidencia mussoliana do seu físico cuartelario devolvíao sempre a reconsiderar a súa posible alternativa de non ser polo mecenado do vello sastre: o modesto mandilón gris de charcuteiro”. Ou sobre Germán Coppini: “Perfil de reconversión industrial, cabelo de irmán de Grapo executado... voz do Bogart en High Sierra, do perenne golfo que comparece ante as alumnas ás nove da mañá, resacado e feito un cirio, para explicar como se fai un comentario de texto”.

Viaxe aos anos de purpurina e abelorios

Nico Campos cruza no seu documental por lugares do seu pai como A Coruña u Salvaterra, coa participación dos actores Morris e Manquiña (guionizados nos 80 da TVG por Chichi, buscadores de chaquetas de purpurina e abelorios no Corte Inglés para aqueles gags nos que parodiaban galáns de telenovelas). Julián Hernández (Siniestro Total) recorda que nun festival poético en Salvaterra actuaba un recoñecido bardo de barbas e agora calva. E Julián decidiu comprar con Chichi arcos e frechas de indios para disparar libérrimamente sobre o poeta. Máis diamantes das Estampas dun mundo elegante co artigo Un dia de folga: “Vigogrado, doce da mañá: o comisario Eduardo Fernández con gorro de astracán da segunda planta do Corte Inglés pasa revista aos piquetes”. E outro cheo de lirismo sobre Lois Pereiro: “Hospital de tránsito en Berlín, habitación 319. Ou residencia comarcal en construción. Un billete de Castromil e unha longa espera nun piso descoñecido”. O libro presentarase este xoves en Vilagarcía no Faiado da Memoria (20 horas).

Compartir el artículo

stats